• Inicio

CRÍTICA TEATRAL: 'Las Cervantas'-Camilo Franco

  • Clara Castilla

AGORA COMO ENTÓN

Cervantes debería ser galego. De Cervantes, primeiro. Con ese apelido Saavedra e co patrocinio do Conde de Lemos. Con moitos oficios na súa biografía, de soldado a recadador de impostos, coa última opción da literatura e con esa inclinación á ironía imposible de disimular. Tan galego que foi claramente un emigrante. Para completar o cadro só nos falta que no Quijote os galegos aparecen pouco e non para ben de todo. Toda as de Cervantes  son conductas propias do galego, das que se manteñen no tempo.

Cervantes non é protagonista de Las Cervantas. É o reclamo da historia e sucede que sometemos aos mitos a torsións incríbles cando chegan os tempos das efemérides. Os galegos estamos máis afeitos a ese tipo de operacións porque o Día das Letras Galegas é dado a asociacións de ideas similares a que o Pisuerga pasa por Valladolid. En Las Cervantas, Cervantes é un ausente que anda ao seu e sempre a distancia do que sucede porque a obra é, en realidade, unha contraposición. A contraposición do papel padecido polas mulleres na historia, a contraposición de como o poder e os poderosos son beneficiados polos outros poderes ou de como se aproveita un feito para desencadear unha represión. Pasaba no tempo de Cervantes e pasa agora. O que demostra que a especie humana é unha especie de malos costumes.

A peza é meticulosa coa circunstancia e deixa moi claro ata que punto acaba por ser cotián o exercicio da represión. Está máis interesada en explicar a paisaxe moral na que se moven os personaxes que en que quede claro por que son perseguidas. Insiste na idea dun xeito moi contemporáneo, na idea da resistencia as normas morais, na idea da persecución, na de que cada quen obra en función dos seus intereses sen importar que parte de ben e que parte de mal produce. Está máis interesada en chegar a esas conclusións que en deixar claro por que se producen os feitos. Pode que faga ben porque o mundo vai a peor e non aprendemos. Facemos ganar a un partido político e unha semana despois descubrimos que faltan cartos na conta da Seguridade Social que administraba o goberno dese mesmo partido. Cousas así.

Las Cervantas tropeza coa indecisión argumental e, en Cangas, co feito de que non parecía acabada de todo. Quizais non teño claro o concepto de preestrea e se leva aparellado o disimulo de algunhas inconsistencias, pero a montaxe queda un pouco empantanada nese espazo e a información que se lle vai dando ao espectador chega como con mala respiración, máis pola intención de avanzar que porque a obra avance de verdade. Que en certo territorio confuso e aínda que o poder utilice ese operativo para facerse valer, para ocular a quen é poderoso, quizais a historia mereza un pouco máis de claridade. A obra resolve moito mellor o carácter das mulleres que rodeaban a Cervantes, as dificultades da intendencia e as diferentes maneiras con que cada unha exerce a súa rebeldía ou a súa resistencia, se é que as dúas cousas non son a mesma en segundo que épocas. Las Cervantas alude ao presente porque quere, en algún sentido, ser exemplar. É máis cervantina na vocación que no sentido do humor. Pero a estas alturas da vida xa non se pode dicir que non haxa necesidade de ser violentamente obvios.

Las Cervantas, de Inma Chacón e José Ramón Fernández.

Compañía DD&Company Producciones y EscénaTe

Dirección: Fernando Soto

Elenco: Gracia Olayo, Sole Olayo,  Clara Berzosa, Irene Ruíz, Yaël Belicha.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.