• Inicio

Marián Bañobre engaiolou o público cun pregón interactivo cheo de humor, frescura

  • Clara Castilla

Marián Bañobre foi a encargada de dar o pregón da 33 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Nun auditorio ateigado de xente, a actriz, creadora, deseñadora de vestiario e docente, arrancou os sorrisos, risos e gargalladas cun monólogo cheo de humor, frescura e unha componente interactiva que engaiolou ao público asistente.

 

A súa intervención comezou cun reparto de globos. Ao ritmo da música, fixo a súa entrada no salón cunha bucina. Estas son algunhas das perlas que nos deixou Bañobre e que fixeron as delicias dun público entregado.

“Estou encantada e moi agradecida á organización por convidarme a estar hoxe aquí. Eu non creo que mereza semellante cousa, pero dende logo vós menos. Pobres...”

"De feito cando me chamaron, colguei o teléfono, mireime e pensei: Pero que fago eu co pequena que son nun auditorio tan grande, ademais cheo de xente do Morrazo? (sobre todo de Moaña, a pesar de estar en Cangas, porque alí non teñen onde meterse os pobres para facer estas cousas). E de súpeto, comecei a inflar... Si, a inflar... como cando te inflas, non sabes? E díxenme: coidado, a ver se me vou poñer parva e logo non hai quen me ature. E aínda por riba ao cabo duns días mándanme o programa, e na primeira páxina aparezo eu nunha foto a toda cor. As actrices todas do Morrazo a rillar no papeliño de envexa... e eu a inflar..."

“Logo póñome a ler, e resulta que por aquí, si, por esta mostra, durante nove días van pasar artistas internacionais de Francia, Portugal, Inglaterra... compañías galegas que despois de trinta anos currando coma negros están super de moda, rachando coa pana, pero é que ademais viñan As Cervantas co seu director Fernando Soto a preestrear hoxe aquí o espectáculo da temporada, viñan unhas princesas do Pacífico e mais o mesmísimo rei..., si, tal e como o escoitades, o mesmísimo rei (e non sei se a raiña virá con el para ir ás xornadas de Mulleres en Acción).

“Quixen facer un pregón colectivo. Eu soa, por moito que inche, non encho o auditorio. Así que agora que xa estamos reunidos imos facer entre todos a gran inauguración da 33 Mostra internacional de teatro cómico e festivo de Cangas”.

“Veña, collede os globos. Vouvos dar unhas pequenas instrucións para a execución da inauguración da Mostra, moi sinxelas:

-1ª norma: Só podedes inflar cando inflo eu... a ver se vai vir algún listo a quitarme o posto; todos xuntos, a un tempo, igualdade e paridade!

-2ª norma: Ao final de todo, imos berrar todos xuntos:

“Humor para enfrontar con Xiria a realidade"

Algúen sabe o que significa Xiria, ademais de ser o nome da asociación cultural que leva 33 anos organizando esta mostra?

-3ª norma: Cada un que se faga cargo da súa merda (con perdón da palabra). Nada de andar tirando o lixo polo chan do auditorio, que logo vénme Juanjo a botar a bronca a min. Aínda que os de Cangas sodes unha excepción e tedes bastante coidado para non botar merda. Porque hai que ter coidado co que se bota! Dentro e fóra do auditorio! Un pouco de ecoloxismo, por favor, ou que mundo lle imos deixar aos nosos fillos! Pois veña, ímoslle aló”.

 

E así o público, moi dilixente, púxose en pé e colleu os seus globos. Marían Bañobre, entre soplido e soplido ía resumindo a historia da Mostra Internacional de Teatro de Cangas:

1- “Cando eu empezaba a ir á gardería, naceu esta Mostra viaxeira no cine Avenida, enfronte do Concello novo. Alí agora só hai vivendas e tendas

2- Ao ano seguinte trasladouse ao cine Calvar (que agora é un Eroski: un Paraíso); igual por iso lle dan aos de Chévere o premio Xiria ao labor teatral.

3- Os dez anos seguintes a Mostra foi no cine Galaxia, pero na edición número trece a nave non despegou, e agora temos outro bloque de vivendas.

4- Alá marchou o teatro para a Carpa do mago Antón, pero aquilo inundábase seguido e como os da directiva non sabían facer escapismo cansáronse de fregar.

5.- A 17 Mostra foi no pavillón de Rodeira, pero o deporte e as artes ás veces lévanse mal e ao ano seguinte “Estabamos na rúa”.

6.- Se lle fixeran soprar así a algúns ao saír do Canis Lupus as noites da Mostra, non teriamos chegado ata aquí.

7- A partir da edición 19, ata hoxe, estamos neste magnífico Auditorio, que moito aire houbo que botar para que o fixeran.

8- E mirade se ten futuro esta Mostra, que algún que empezou participando na organización, fregando na carpa, acabou de alcalde (entre o público atopopábase o rexidor de Cangas, Xosé Manuel Pazos, un dos fundadores da MITCFC)”.

Despois, o público procedeu a amarrar os globos. E Marían Bañobre continuou co seu espectáculo:

“Sentides a tensión? Cheirades o perigo? Isto é o que se sente aquí arriba. Agora estades preparados para facer unha inauguración colectiva. Lembrades a frase?”

E todo o público á vez berrou “Humor para enfrontar con Xiria a realidade” ato tempo que se sentaba enriba dos globos inchadas. O burrumbio dos globos estopoudando deron a benvida á 33 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

 

Grazas Marián! 

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.