• Inicio

Pregón de Tatán na inaguración da XXXV Mostra

  • Clara Castilla

"Para que te conviden a dicir un pregón na Mostra de Teatro de Cangas teñen que acontecerche moitas cousas na túa vida teatral, moitímas, ou polo menos que así o perciban quenes te invitan. A min pedírironmo. Eu veño.

Levo 35 anos na profesión e aínda non teño un “master” pero si moito camiño andado dentro e fóra da Galiza. E foi doado, neste caso porque da Mostra de Cangas eu teño no peto recordos, pasaxes e paisaxes da miña vida teatral que cruzaron a ponte de Rande en multitude de ocasións e que, nalgúns casos, viña de baleiro e voltaba cheo de novas experiencias. Experiencias de amizade e de coñecemento teatral, na maioria dos casos. O meu fantasma anterior estivo aquí moito antes, na Sala Disconcierto, cantando. Como volo conto.

Veño do mundo dos títeres, dos obxectos manipulados, das marionetas que creamos para os espectáculos nos que participo en TANXARINA  xunto cos meus queridos Andrés e Miguel dende hai 35 anos, e sempre unha manipulación  misturada coa interpretación actoral. O soño actoral está sempre presente..Ás veces, cumprése, outras peléxase por el, pero sempre está aí.

Por suposto que para ler este pregón, poder facer referencia á MOSTRA e falar da miña íntima relación co pobo de Cangas teño que nomear a persoas. A homes e mulleres, a actores e actrices, a técnicos, a directoras, a programadores.... e se teño que poñer nomes, póñoos: desde Manuel Xavou que participou con nós erguido nos seus zancos no espectáculo COCA A VOLTA DA BESTA, nos anos 90, ata Mónica Camaño, de Coiro, que tamén participou e á que coñecín a través dun home imprescindible na literatura e no teatro galego: Xosé Vázquez Pintor. Foron tempos de moita bontade e de moito cariño polo que faciamos: Suso Piñeiro e Amparo Ibarra en Moaña apuntalaban tamén o proxecto coa súa forza procedente do teatro Kaos. Rosa Estévez, con quen tiven o privilexio de compartir  o primeiro libro de títeres escrito en galego. Henrique Harguindey, de quen aprendín que o meu nome Tatán procedía dunha sopa que facían en Cangas: A sopa dos tatáns!!

Non poderia comezar este pregón sen facer fincapé nestes acontecementos que co tempo ían transformarse en encontros teatrais de gran envergadura no noso panorama teatral e que, máis dunha vez, ían rematar compartindo tinta femia e comida na do Jefe.

Encontros que, ao longo do tempo, ían ser virtudes de traballo, de teatro nos palcos, acompañado dos mellores e das mellores do Morrazo. Redondela-Cangas- Moaña...Falo de Teatro de Ningures, Teatro do Morcego, Tanxarina...Momentos imprescindibles para poder falar hoxe con propiedade. Con cariño. Con TEATRO con maiúculas. E se teño que seguir dicindo nomes digoos: Casilda Garcia, Sónia Rúa, Pepa Barreiro actrices imprescindibles do teatro galego que souberon arrouparme co seu cariño dentro e fóra do teatro. Grazas por tanto e tanta sabiduría amigas. Salvador del Río, Mundo Villalustre, Etelvino Vázquez, Carlos Alonso, Julio Cardoso... e moitos máis de quenes aprendín moito para seguir na senda non doada do teatro.

Xuntos, arrexuntados nunha mesma aventura chamada PRODUCIÓNS TEATRAIS DO SUR.  Que aventura, que loucura, cantas ansias. Canto teatro. E con nós o meu queridísimo Celso Parada, a quen hoxe dedícolle moi especialmente este pregón porque el éche o meu mestre de ceremonias. O meu mentor. O meu amigo… xunto con Isabel. Con el comparto os mellores momentos teatrais.

Grazas por ese Saturio, por ese Afonso de Portugal, por esa Nai Ubú... personaxes que levo gravados na miña memoria sempre. Podería seguir falando con vós horas de toda a miña experiencia teatral relacionada con Cangas, pero hoxe ao que veño aquí é a presumir de que a organización da Mostra tivo a ben convidarme a facer o Pregón. E sería marabilloso que a Revista Galega de Teatro, fundada por Antón Lamapereira e ben levada por Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso, tivese a ben editalo...

Queridos colegas, amigos, amigas, o voso traballo non foi en balde. Se isto fose un casino, as vosas fotografías tiñan que estar penduradas das paredes. No hall. Nos despachos. Quen vería ao Rei Ubú de Xosé Manuel Pazos subido ao cabalo na mesa do despacho.

Sempre vin á Mostra de Cangas, ben  na escena ou ben na butaca, como actor e como espectador. Un espectador privilexiado, coma vós que hoxe estades aquí sentados e sentadas porque, como ben sabedes, esta Mostra é a máis representativa do sur de Galiza e desde fóra, desde a butaca, ás veces pódese comprobar máis obxectivamente porque ocorren certas cousas que fan que o rito ano a ano, tempada a tempada, saia adiante e este auditorio e as rúas de Cangas celebren o teatro por todo o alto.

E estas cousas ocorren porque detrás hai persoas moi importantes, con talento, que dan prestixio e calidade ao Festival. Falo de Ché Mariño, organizadora e loitadora que cada ano, pasiño a pasiño, consegue o que se propón, aínda que a administración faga rabear. A Asociación Xiria ten moito que agradecerche.

Maria Armesto, directora artística nos últimos catro anos que fortalece e apuntala, aínda máis, este marabilloso proxecto. Os técnicos do teatro, Salvador, Paco, Hector, Anxo ou Andrés. Grazas pola vosa atención, polas vosas luces, polo son... pola paciencia. E Gracias Juanjo por manter vivo o local...

Galiza enteira pode estar fachendosa da vosa labor, da dignidade que representa navegar nesta marea inquietante a que sempre andamos expostos na cultura deste país, contra ventos e mareas, coa máscara da proa ben alta. As razóns para continuar son moitas. Que non decaia ou se algo ten que decaer que sexan os imbéciles e escuros que as veces poñen impedimentos para que os procesos creativos queden no camiño.

Viva o Teatro en Cangas! Viva a Mostra! e, como diría Afonso de Portugal: "ao fim terra firme, nao morrin estripado pelos piratas e salveime de morrer afogado"… ARRIBA O TELÓN.

Imaxes do pregón:

 

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.