Demo

Pregón por Quico Cadaval

QUICO CADAVAL

Quico Cadaval naceu no mes de marzo de 1960, dato que, cunha sinxela operación matemática, permite actualizar a cifra da súa idade todos os anos.

É miope e divorciado. Mais isto non sempre foi así. Na primeira década da súa vida nin soñaba co que algún día chegaría a ser. Foi criado por un setter inglés chamado Tule e influido por un violento mestre chamado Bayón.

Na segunda década da súa vida leu con avidez e dificuldade "A vida é un soño" de Calderón e "Dúas tácticas da socialdemocracia na revolución democrática" de Vladimir Ilich. E gozou con Seven Hassel e a súa literatura repugnante.

Na terceira década, ficou finalmente miope até o punto de conseguir ser dispensado do servizo militar. Fechouselle a porta do heroísmo, tanto do lado de soldado da patria española como de arrogante insumiso. Ao non ser probado en combate, nunca puido demostrar ao mundo a súa coraxe ou cobardía. Nesta década leu a obra completa de Shakespeare.

Na cuarta década da súa vida desprega as súas capacidades na arte da narración, da dramaturxia e da provocación. Contrae matrimonio cunha muller e devora a obra de Rúbem Fonseca.

Na quinta década entrou no terceiro milenio e comprobou que todas as profecías resultaran falsas, as utopías defectuosas e as ilusións intactas. Na contabilidade do amor, recibiu moito máis do que deu e entrará en breve en concurso de acreedores.

Entusiasmouse pola cultura lusófona e visitou con paixón lugares arqueolóxicos. A década rematou cunha festa dos 50, de carácter propiciatorio que non deu resultado.

Na sexta década continúa a contar contos e a tentar facer teatro na máis vella nazón da Europa que tentaron destruir durante cinco séculos, e que parece que o van conseguir neste século ao contar o imperio con importante axuda nativa.

Fóra diso, é divorciado e miope.