Demo

Premio Xiria ao Labor Teatral

Premio Xiria ao Labor Teatral aos Monicreques de Kukas

Polo seu intenso labor artístico e teatral que, ao longo de 40 anos, abriu anovadores camiños tanto coa creación de inusitadas marionetas e monicreques como coa importante difusión , en língua galega, dese particular universo que supuxo unha auténtica revelación para nenas, nenos e público adulto deste país. Hoxe son un indiscutible referente.

No ano 1979 Marcelino de Santiago e Isabel Rey fundan Os Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia e unha das máis estables do teatro galego.

Participan habitualmente nas programacións das redes de Galicia, España e en festivais internacionais como FETEN , Festival Internacional de Marionetas de Bilbao, Festival Internacional de Títeres de Vigo, Festival Internacional de Títeres de Tolosa, Festival Internacional de Títeres de Redondela, Mostra de Teatro Ibérico do Nordés de Brasil, Compostela 93,  Xacobeo, Feira do Teatro de Galicia, Festival do Eixo Atlántico de Viana do Castelo, Xornadas Pedagógicas de Teatro de Guimaraens (Portugal), Festival de Kilkis (Grecia), Festival Maravillas Extremadura, Exposición Misións Pedagóxicas 1931-1934,  Festival Internacional Titiricuenca...  

Nestes 40 anos de existencia teñen sido convidados por entidades como o Centro Dramático Galego,  IGAEM - Xunta de Galicia ou o Festival de Ópera de A Coruña para crear espectáculos de gran formato como O Mariscal,  Unha noite no Pórtico do Paraíso , Galiza Máxica ou A Frauta máxica no maxín en colaboración con Zoar Ensemble.

No ano 2001 comezan a súa colaboración coa Real Filharmonía de Galicia encargándose da parte escénica de obras musicais como O Retablo de Maese Pedro, O Carnaval dos Animais, San Nicolás ou  O Castelo da Rocha Vella dirixidos por Antoni Ros Marba e Maximino Zumalave.

No ano 2007 son invitados polo Ministerio de Cultura a través da  Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais para crear A Doncela Guerreira un espectáculo complementario á exposición conmemorativa das Misións Pedagóxicas 1931-1936 e que recolle a actividade do Retablo de Fantoches de Rafael Dieste.

As súas marionetas están en coleccións e museos como o Museo Galego da Marioneta de Lalín, O Centro de Documentación de Títeres de Bilbao cedidas ao Museo do Teatro de Almagro e o Parque Temático dos Pobos de España de Kintetsu en Xapón. No ano 1999 a compañía celebra o seu XX aniversario cunha exposición antolóxica no  Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago coa colaboración do IGAEM e do Concello de Santiago. No 2007 dentro da programación do XIII Festival Internacional de Teatro Universitario presentan a exposición antolóxica Os Monicreques de Kukas, facendo teatro con marionetas no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo patrocinada por LUGO CULTURAL, integrado polo Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Fundación Caixa Galicia, Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural de la Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

O seu traballo no mundo dos monicreques centrouse na creación de novos prototipos de marionetas,  e na dignificación e promoción entre todo tipo de públicos desta arte polo que ten sido recoñecido ó seu director co Premio de Honra do Centro de Documentación - Festival Internacional de Títeres de Bilbao, co seu nomeamento como Xoglar de Outono polo FIOT, ou coa homenaxe á compañía polos 30 anos da súa traxectoria do Festival Internacional de Títeres de Cuenca.

No 2017 o Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou por unanimidade de tódolos grupos políticos a moción proposta polo BNG de establecer un convenio de colaboración do concello e a compañía para crear a Casa do Monicreques que albergará todo o patrimonio material e inmaterial, para a súa exhibición, musealización e estudio.

No 2019 celebran o seu 40 aniversario coa estrea de ARLEQUINA.