Demo

Premio Mulleres en Acción 2019

Premio Mulleres en Acción 2019 a María Xosé Silvar, SÉS.

En recoñecemento ao seu espléndido labor artístico, compromiso e discurso a prol da igualdade e empoderamento das mulleres, labor que a converte, ao noso entender, nun referente para centos de nenas e nenos que tanto necesitan exemplos de mulleres libres que non hipotecan o seu éxito artístico a unha imaxe sexualizada ou estereotipada de si mesma senón á súa música e ás súas ideas.

SÉS, é o fenómeno dos últimos anos da música galega. Cunha carreira que non parou de medrar desde que publicou o seu primeiro disco en 2011, SES triunfou en Galicia e máis aló grazas á súa proposta ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, con espazo tamén para a alma  de ‘cantareira’ que hai no seu interior. É habitual de todos os auditorios galegos, alén das principais salas de Bilbao, Madrid ou Barcelona, ademais de moitos festivais da Península.

SÉS é María Xosé Silvar (A Coruña, 1982), unha cantora galega de orixe bergantiñá que comezou na música tradicional. En 2007 creou canda outros tres amigos o grupo Chámalle Xis!, que se convertiu no grupo revelación daquel ano ao gañar o concursok Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. A partir de aí, en 2010 Sés gravou unha maqueta con tres temas e en 2011 lanzou o seu primeiro disco, ‘Admirando a condición’, que xa petou forte na escena musical galega. Logo virían ‘Co xenio destrozado (2013), ‘Tronzar os valos’ (2015), ‘Opoñerse á extinción’ (2016). ‘Readmirando a condición’ (2018, unha re-gravación do seu primeiro álbum).

Ven de publicar ‘Rabia ao Silencio’ (Altafonte, 2019), un disco de adaptacións, e xa está a gravar un álbum que publicará a comezos de 2020.