Demo

Enma Pino. Luz sobre a historia

ENMA PINO. Pianista e Compositora (Tui 1958 – Vigo 2014)

O líquido amniótico no que Enma Pino navegou antes de entrar neste mundo debeu estar cheo de fusas, semifusas e corcheas, porque toda ela foi blues. Auténtica alma de blues. 

Xa de nena, e sen coñecemento algún de música, tocaba todo canto instrumento tiña a man, piano, guitarra, flauta… e estuda danza, tamén.  Na súa precoz adolescencia inicia estudos de música e piano en Vigo. Nos primeiros 80 marcha a Barcelona e matricúlase en combo e piano no mítico Taller de Músics. 

Regresa a Galicia cunha idea fixa, facer música e tocar o piano, con furia, como só ela sabía tocar. Gáñase a vida  percorrendo Galicia con diferentes orquestras, converténdose nunha das primeiras mulleres instrumentistas sobre un escenario.

Activista infatigable pola cultura, convive e colabora co xenial grupo de comunicación poética ‘Rompente’ e absorbe a luz e a forza do inesquecible Grupo Atlántica. Forma parte de grupos emblemáticos de rock, como ‘Bromea o qué’, ‘Bombeiros Voluntarios’, ‘Bloody Mary’ ou ‘Frangos’.  Empeza a compoñer. Colabora cos rompedores programas de Chichi Campos para a TVG, 'SOS' e ‘A ver que vai ser isto’.

Excelente arreglista, dirixe musicalmente o primeiro concerto de mulleres celebrado en Vigo nos anos 90, no que participan grandes cantantes como María del Mar Bonet, Omara Portuondo, Filipa Pais, Uxía Senlle, María João, Minela, María Costas e Leilia.

Saca o título superior de piano e pepara oposicións ao tempo que traballa en diferentes colexios e conservatorios de Galicia. Compón para cine, teatro e grava villancicos de rock para a infancia. Traballa infatigable no piano, investiga, crea sons propios, extraños, sempre na procura da súa propia voz. 

Enma Pino abandoa este mundo demasiado nova, con moito por facer pero deixando unha vibrante pegada creativa, chea de talento, brillo e paixón. Pegada que hoxe Mulleres en Acción-MITCFC queremos celebrar. 

Interveñen:

  • A ilustradora, urban sketcher e música, Laura Romero, creadora do proxecto Músicas Galegas Ilustradas, que falará sobre o papel das mulleres na música.
  • A pintora Menchu Lamas lembrará súa amizade coa compositora, a relación desta coa pintura e o seu activismo artístico nos anos oitenta.
  • A escritora Ánxos Sumai falará do interese de Enma pola escrita e dará a coñecer algún dos seus poemas.
  • A cantante María Costas, con quen creou o mítico dúo Bloody Mary, interpretará poemas de Ánxos Sumai musicados por Enma Pino.
  • A pianista Elvira Pontevedra interpretará ao piano algunha peza da compositora.
  • A cantante Uxía Senlle interpretará  algunha das músicas que as unía. 
  • O acto pecharase coa estrea dun ducumental sobre a vida e obra da compositora, realizado pola videocreadora Area Erina e producido pola MITCFC.