• Clara Castilla
Crítica de Ana Abad de Larriva 

Que pasaría se nun futuro Galicia acollese o festival da canción por antonomasia? A xornada inaugural da 39ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, incluíu a representación de 'Eurovisión (o fake show)', o derradeiro texto teatral de Lino Braxe, levado á escena polas compañías Bucanero e Manarte, como colofón a unha serie de actos encadrados dentro dunha homenaxe especial ao autor mugardés na que se puxeron en valor as súas diferentes facetas artísticas.

O texto, escrito por Braxe en 2020, quedou sen rematar debido ao seu falecemento, asumindo entón a dirección do mesmo Rebeca Montero, e ten un punto visionario, ao conectarse con todo o fenómeno Tanxugueiras e a súa concorrencia para poder participar na última edición de Eurovisión. Trátase dun disparatado fake show, unha peza arredor do que podería pasar se Galicia acollese no futuro unha edición do certame, a través da creación dun espectáculo trucado polo que pasan Estados europeos e non europeos, países (e combinación de países) que nunca estiveron en Eurovisión, ou ata personaxes do espazo exterior, que se constrúe mediante a acumulación de todo tipo de tópicos patrios dende a parodia, chegando ao absurdo e, por suposto, con forte presenza musical.

Sosteñen especialmente a posta en escena a versatilidade e a comicidade de Pedro Picos e Xosé Bonome para iren asumindo as intervencións musicais dos diferentes países, tamén de membros do xurado, rexedores..., nunha proposta que arranca con moito ritmo, aínda que este vai caendo a medida que os números musicais van avanzando e van aparecendo as intervencións do xurado, para rematar nun final algo diluído.

Hai cuestións de fondo que se esbozan, como a identidade, a falta de medios, a corrupción, as dinámicas de poder..., pero que quedan esvaecidas polo carácter paródico dos números e a propia construción da peza. Nese traballo lúdico a partir dos tópicos, con certos recursos enxeñosos e ben desenvolvidos por parte de Pedro e Xosé, así como de Sabela Hermida como contrapunto, como presentadora e membro do xurado, aínda que con algo menos de xogo ca eles; conseguen habitar o espazo con apenas elementos escénicos e facer da falta de medios e da picaresca un punto forte, aínda que haxa unha acumulación dalgúns recursos humorísticos.

O que queda claro é que, ao final, Galicia levaría todos os “tuelf points”, nesta peza póstuma que garda, no medio do humor, a lembranza dunha figura artística poliédrica.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela. 24 de xuño de 2022

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.