• Clara Castilla
Crítica de Ana Abad de Larriva

Como nos ven e nos crean as demais e como nos descubrimos ou fuximos de nós mesmas? Nesta edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, El diablo en la playa, de Matarile, volve tratar a cuestión do ser e do parecer e a construción da identidade, pero dende unha abordaxe completamente diferente á empregada por outras propostas vistas nestes días.

A peza, de composición posdramática, constitúe a primeira parte da Triloxía da fraxilidade. Ten un ton filosófico e existencialista, que se contrapón á poética visual que conforma a peza, como dous planos que dialogan en diverxencia, moi na liña do traballo habitual da compañía. Hai estética e hai un discurso que se esboza, tamén con pinceladas soltas que se van conectando, no que está moi presente a voz da directora, Ana Vallés. Nel reflexiónase arredor da percepción, en relación coas distancias, os horizontes, a luz e a escuridade; e tamén arredor da orde e do caos, especialmente sobre o xeito en que a filosofía, a ciencia e a arte loitan contra o caos. A coidada composición do espazo, así como da iluminación, conéctase tamén con esa fuxida do descontrol. Non hai apoteose, como en Daimon y la jodida lógica; hai contención. Mesmo a pesar de certos momentos de ruptura física e sonora, hai moderación de fondo.

Os continuos cambios de vestiario e na posición, na composición corporal, nas poses e nas interesantes relacións proxémicas e contrastes entre os corpos e presenzas das actrices, Claudia Faci e Celeste González, conectan tamén con esa busca do control, da orde, para evitar o desastre. A estética para agochar o baleiro, o caos. O narcisismo, a sedución, a poesía e o erotismo como medios para tentar conectar co outro, coa outra.

Pero na esencia, subxacen a fraxilidade e o baleiro, a soidade; mesmo a frialdade. E aínda que era algo que estaba de fondo na peza e seguramente era algo buscado, tanto polo propio discurso como pola elección compositiva e cromática, eu tamén quedei un pouco fría, a pesar da calidez dalgúns momentos.

A escena final máxica, nesa alfombra de mar que cobra vida, levoume de novo a todos eses momentos cheos de encanto que consegue crear Baltasar Patiño en cada peza, nos que os obxectos e a luz te atrapan e quedas presa na propia calidade sensorial da imaxe. Quedo con ganas de ver INLOCA, a segunda parte da triloxía desta compañía pioneira que conta xa con 36 anos de traxectoria; un traballo que continúa o que abriu esta peza.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela. 30 de xuño de 2022

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.