• Clara Castilla
Crítica de Ana Abad de Larriva

Ademais das pezas que se están a poder ver en espazos interiores, como o Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela ou o Pavillón Municipal de Romarigo, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas tamén está a ofrecer unha importante programación de rúa. Entre os diferentes traballos que se puideron ver nestes últimos días estivo Somos circo, unha estrea absoluta da compañía Desastronauts, formada por Raquel Veganzones e Girisho Gordon, dous artistas afincados en Galicia que contan cunha longa traxectoria internacional. Os Xardíns do Señal foron o escenario desta proposta de circo para público familiar que combina trapecio, corda vertical e aros.

O que máis destaca é o virtuosismo das figuras acrobáticas que desenvolven; no caso de Raquel, cunha graza e unha sensación de facilidade que atrapan, e no de Girisho, cunha forza e unha presenza máis dura, que xera un interesante contraste e que favorece os piques que se establecen entre eles e que animan a proposta.

Os tempos demorados e o xeito en que son desenvolvidas as transicións entre cada número, mesmo ás veces con certa torpeza, o que contrasta coa gran precisión que logo se amosa nas acrobacias aéreas, fan que decaia un pouco o ritmo, quizais porque a dramaturxia global do espectáculo se sitúa por debaixo dos propios números circenses, que son o punto forte da peza. Aínda así o numeroso público que asistiu á estrea levou bastante ben as transicións e permaneceu conectado ao que acontecía en escena, grazas a que se amosa todo o tempo o artificio e quizais tamén a que así pode respirar entre os estímulos fortes do traballo físico dos artistas.

Nos números acrobáticos en si mesmos non hai esa caída no ritmo, e neles, de feito, agradécese o xeito gradual en que van collendo intensidade, permitíndonos ver e sentir esa evolución no que fan; o seu desfrute pero tamén a súa implicación, xogando coa atención da persoa espectadora e sorprendendo, tanto pola beleza como polo risco. O feito de que a posta en escena se integre no espazo urbano, neste caso tamén natural, ao haber árbores detrás das acrobacias aéreas, tamén complementa a recepción.

Somos circo é un espectáculo que destila virtuosismo, fermosura, valentía e risco, o que compensa con creces a caída de ritmo e escaseza de acción nas transicións entre os números que o conforman.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Xardíns do Señal. 3 de xullo de 2022

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.