Cantos somos nun eu?

Venres, 11 Xuño 2021 20:00
Sala de exposicións Auditorio Municipal do 11 de xuño ao 10 de xullo

Inauguración e presentación do libro de artista Te miro y me veo: venres, 11 de xuño ás 20:00h.

Interveñen:

  • Miguel Ángel Blanco, actor. 
  • Patricia Pardo López, Bióloga Molecular & Mentora Counseling
  • Boombox Danza Urbana

O ser humano está cambiando, móvense os cimentos que o sostiveron ata agora: relixiosos, sociais, políticos, éticos, afectivos... As crises tráennos un novo modo de mirar, entender e, sobre todo, vivir o mundo. Un novo xeito de conectármonos coa vida. As crises dannos a posibilidade de volver a reconsiderar a nosa existencia, o seu sentido, a caducidade dos patróns que nos inculcaron e que, cada vez máis, perden sentido de ser. Un eu afastado do outro, envolvido nas súas propias miradas egoicas, emocionais e viscerais, sinto que deixa de ser o que toca vivir, e comeza a tomar forza unha mirada sentida no outro, co outro, que forma parte de todo o que é, que coexiste. Un ser humano que vive desde o corazón e xuntando, é dicir, creando espazos de unión e de encontro, aínda a pesar das diferenzas.

Percibo a natureza como un ser vivo que nos observa, nos desvela, nos descobre, nos aperta, nos calma e tamén nos inquieta, recordándonos quen somos. Nestes cadros podemos ver retratos que xorden desde os elementos da natureza: lume, terra, auga ou aire, e desde un grande amor e conexión con ela. As súas miradas lémbrannos fragmentos do que somos, conducíndonos a sabedorías esquecidas e ao reencontro profundo do si mesmo. A modo de mirada nun espello, cada retrato que vemos, aínda sendo visualmente moi diferente do que coñecemos, tráenos memorias do que fomos ou do que podemos chegar a ser. Cada retrato interróganos sobre a nosa existencia, as nosas sombras, a nosa verdade. Ao miralos vémonos e podemos transcender, realizando unha viaxe de introspección cara ao máis descoñecido do noso ser.

Estes retratos de seres estraños e próximos á vez, fractais da natureza, que se despregan abarcando dimensións novas, tráennos unha mensaxe. Cada un deles a súa, dispostos a socavar no noso inconsciente preparándonos, definitivamente, para un novo espertar.

Esta obra ten unha formulación mística, espiritual, concibíndoa como un medio para que o espectador se vexa reflectido no mirado, un encontro co autocoñecemento. Obra como potencial espello que nos devolve o noso propio reflexo. Arte como toma de conciencia, como vehículo de crecemento interior.

Técnica das obras expostas: Cadros realizados en 2020 e 2021. Óleo e impresión dixital sobre lenzo.

Todas as imaxes son elaboradas en photoshop inicialmente, a partir de fotografías tomadas na natureza. A imaxe duplícase engadindo o seu reflexo e, en ocasións, este conxunto vólvese a duplicar. De aí que a noción de fractalidade vai implícita á técnica mesma utilizada na orixe da imaxe final. Esta fractalidade engade unha visión multidimensional á imaxe, facendo que esta xurda por si mesma, a modo de aparición, como se se tratase dunha visión.

Loreto Blanco Salgueiro nace en Moaña en 1964. Licenciada e doutorada na Universidade do Pais Vasco (1987/1993). Actualmente e desde o ano 1993 é profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Actualmente atópase desenvolvendo dúas series: Los Habitantes de Gaia e Retratos puestas de luz, onde investiga relacións da natureza co ser humano, e tamén as conexións que posibilita a arte e a imaxe entre os aspectos emocionais, psicolóxicos e espirituais.

Destaca a súa intervención en foros audiovisuais como o Proyecto Elmur.net ou o Maratón de Vídeo MAV en La Casa Encendida de Madrid en 2013 e 2014, e a nivel individual a súa última exposición titulada Te miro y no te veo na Fundación Eugenio Granell en Santiago de Compostela (2020)

Artigos publicados: “El arte como redención” no Catálogo En este universo, un rumor simultáneo, “La quiescencia de la materia, todo un arte”, no libro Arte: Diccionario ilustrado, Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, 2012. “Poner en luz” no libro Aberto por obras. Editado pola Universidade de Vigo e o MARCO, 2005. “Art of the consciousness of knowledge” no libro Arts therapy: Recognized discipline or soul graffiti?, 2004. “Educación artística para el desarrollo de la consciencia”, Revista Visualidades , Brasil, 2004. “La mirada interior como forma de conocimiento” no libro Sentidos del mirar, editado polo grupo de investigación PI1 da Universidade de Vigo, 2001.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.