Grupo de Estudos Audiovisuais da Usc

Venres, 09 Xullo 2021 19:30
Sala de exposicións Auditorio Municipal

Modera: Dª Mónica Camaño. Actriz.

19:30H. ATRAVESAR A FENDA. Experiencias cara á inclusión da perspectiva de xénero na investigación e docencia en comunicación. 

Dª MARGARITA LEDO ANDIÓN. Escritora, cineasta, catedrática de comunicación audiovisual e directora do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.

Liderado pola catedrática Margarita Ledo Andión, o Grupo de Estudos Audiovisuais (Grupo de investigación de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego) traballa dende hai anos na consolidación dunha liña de pesquisa denominada ‘Culturas inclusivas’, que se centra na posta en relación do estudo da comunicación e a(s) cinematografía(s) dende unha perspectiva de xénero. Neste eido, cómpre salientar o establecemento en 2018 do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, encamiñado á construción de audiencias e colectividades formadas no pensamento crítico, capaces de analizar, deconstruír e mesmo comezar a reverter as representacións e estruturas sexistas presentes nos medios. 

Ao abeiro desta liña de traballo, emerxen diferentes propostas de análise que teñen afondan na inclusión da perspectiva de xénero dende diferentes ámbitos.  

19:45H. A CREACIÓN  DO SUXEITO FEMININO NO CINEMA. Inicios, consolidación e novos camiños da teoría e crítica feministas.

Dª MARTA PÉREZ PEREIRO. Profesora na Facultade de Ciencias da Comunicación (USC) de Comunicación Audiovisual e Xornalismo

Como toda produción das clases subalternas, que Antonio Gramsci definira nos seus Cadernos do cárcere (1929-1935), o traballo intelectual feito por mulleres non está fiado dende un espazo central na cultura que o produce, e adoita caracterizarse por unha serie de propostas atomizadas, espontáneas e episódicas. O esforzo das críticas feministas dende inicios de 1970 ten sido agrupar este conxunto de filmes, textos e iniciativas en volumes que conforman unha xenealoxía feminista sobre cinema e conxuran o medo a que estes saberes se perdan. 

20:00H PROSTITUTAS, LABREGAS, COIDADORAS e CRIADAS. A representación das mulleres galegas no cinema da fin do século XX.

Dª SILVIA ROCA BAAMONDE. Forma parte do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Xornalismo pola USC.

A análise das personaxes do cinema realizado en Galicia nos anos 90, das fórmulas coas que se representan e caracterizan as galegas e os galegos, revela un marcado nesgo de xénero que se fai presente nas temáticas a elas e eles asociadas, nos espazos que ocupan, nas accións que emprenden e na visibilidade e peso que se lles concede nas tramas. Tamén na maneira na que a cámara as rexistra, na adxectivación que se lles dirixe a través dos diálogos e nas ocupacións que desempeñan. Elas fican, as máis das veces, como pano de fondo duns filmes que insisten en facer do home o centro do(s) relato(s).

20:15H. MULLERES, HOMES e VIDEOXOGOS. Sexismo, exclusións e narrativas disidentes.

Dª CLAUDIA NEIRA EXPÓSITO . Forma parte do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. Licenciada en Comunicación Audiovisual e Xornalismo pola USC.

O ámbito dos videoxogos eríxese como un escenario idóneo no que observar as desigualdades e estereotipos de xénero existentes na construción de narrativas, no desenvolvemento profesional das mulleres como xogadoras, comentaristas, formadoras, creadoras e programadoras, e constatar a súa transcendencia social. Por iso, esixe da comunidade investigadora, iniciativas para analizar os escenarios de violencia recorrentes neste contexto e procurar ferramentas comunicacionais e educativas coas que comezar a mudar o espazo de xogo.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.