• Inicio
  • Noticias
  • Leandro Lamas: "A ilustración quere ser un símbolo de liberdade"
  • Clara Castilla

Pintura, teatro, música,... A vida de Leandro Lamas camiña entre esas tres disciplinas aínda que, segundo el mesmo recoñece, fáltalle tempo para adicarlle todo o que precisan e se merecen. Se polo nome aínda non o coñeces, as súas ilustracións seguro que as viches e as desfrutaches en máis dunha ocasión. Leandro Lamas (Narón, 1973) é, na actualidade, un dos mellores ilustradores de Galicia. Cunha obra moi extensa, o seu estilo único enche de cor, ledicia e dozura o ambiente. Ademais de ilustrar libros, Leandro Lamas pinta retratos e plasma sobre lenzo eses momentos felices e irrepetibles da vida. E entre esas historias mundanas, a este artista multidisciplinar tocoulle este ano pintar teatro. Combinar, deste xeito, dúas das facetas coas que máis goza. O resultado é o cartel da 38 Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.   

Como recibiches a proposta da Mostra de ilustrar o cartel desta 38 edición?

Cando se puxeron en contacto comigo para ofrecermo fíxome moita ilusión. Entre outras cousas, porque me gusta moito o teatro. De feito, eu xa estiven hai anos en Cangas con outro compañeiro actuando coa obra ‘O fútbol é así’ na sala SalaSon. Pola distancia, non fun moito a esta Mostra, pero para min foi unha honra facer o cartel deste ano.

De onde vén a túa relación co teatro?

Na actualidade eu estou na asociación teatral ‘O Aturuxo de Melpómene’, que saímos da Escola de Teatro Municipal de Narón. O certo é que desde sempre estiven bastante vinculado ao teatro. A nosa asociación é de teatro amador, pero currámolo bantante e tivemos directores como Mónica Caamaño e José Prieto. Tamén hai un colectivo que se chama  ‘Carracha na Cacha’. Con eles escribín algúns textos e tamén fun actor e director. Todo isto é moi gratificante.

E co Morrazo tes algún vínculo?

Co Morrazo non teño moito vínculo. Algunha vez estiven por Bueu, polo ‘Aturuxo’. Tal vez pola distancia fun menos do que quixera, pero sempre me gustou moito esta zona.

En que te inspiraches para facer a ilustración da XXXVIII Mostra?

Veume así á cabeza a idea de dúas pallasas. Tamén me gusta moito a bicicleta e como tiña liberdade absoluta, pois animeime a combinar as dúas ideas. Dúas mulleres por reivindicar a figura feminina, o feminismo. Coa bicicleta quero falar de ecoloxismo.

Con que técnica foi realizada?

É  unha acuarela. Iso decidino case no momento. Quería que o fondo da imaxe fose branco e a acuarela ten esa delicadeza que o óleo non ten.

Foi máis sinxelo ou máis complicado do que pensabas inicialmente?

A verdade é que foi sinxelo porque a idea xa a tiña na cabeza bastante definida ao comezar. Fixen un bosquexo e foi para adiante.

Que mensaxe queres transmitir?

Ademais de feminismo e ecoloxismo, quixen plasmar a parte teatral e cómica. Reivindicar o mundo das pallasas, a tenrura, a cor... Buscaba tamén a tranquilidade. Como vimos deste caos, a ilustración quere ser un símbolo de liberdade.

Ti mesmo dixeches que facer este traballo para a Mostra che “prestou” moito. Por que?

Prestoume porque vou tendo moita sorte e me van solicitando traballos ou pedindo cousas que me gusta moito facer. Non sei se é por sorte ou por ‘chiripa’. Pero gústame moito facer os traballos que me encargan.

A acollida do cartel foi magnífica. Agardabas que gostase tanto?

A verdade é que non o tiña claro. Foi unha sorpresa. Eu cando vin rematado o cartel, coa grafía e a maquetación de Diego Seixo dixen para min mesmo "quedou moi redondiño, resultón". Foi como cando lle pos un marco bonito a unha acuarela. O traballo agranda. Diego axudou a ensalzar o que eu fixera.

¿Poderemos verte por Cangas entre o 1 e o 10 de xullo?

Agardo poder ir.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.