• Inicio
  • Noticias
  • Clara Gayo no pregón inaugural: "O que nos provoca risa e o que non, dá a medida do que somos"
  • Clara Castilla

A actriz, dramaturga e directora de escena Clara Gayo ofreceu o pregón inaugural da 39 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. E con estas palabras foi quen de emocionar ao público asistente no Auditorio da vila morracense:

 "Máis un ano estamos aquí, a requirimento da Comedia, convocadas puntualmente para unha manifesta celebración: o humor que nos outorga humanidade. O que nos diferencia do resto dos seres vivos, un límite sutil que converte a nosa existencia nun feito relevante. Polo riso nos coñecen e nos convencen. A Comedia estimula as nosas endorfinas provocando un pracer amable, pero, ao tempo, sabe tamén interrogar as nosas conciencias, cuestionar os nosos principios, desvelar as nosas miserias... Canto sabe a Comedia de miserias! Canto sabe de vergoñas, de segredos, de fame... Canto sabe de nós, pobres mortais conscientes da nosa nimiedade, que descontamos días apañando calquera sorriso que a vida nos ofrece.

Isto que parece tan fácil de atopar, un sorriso, é ás veces embargado pola ira, pola envexa, pola desesperación... Pero velaí chega a Comedia a preguntar, cuestionar, relativizar... Chega por veces sinxela e inocente, por veces elegante, por veces groseira, faltona, malfalada, torpe... Pode adoptar calquera papel, porque ela é o papel. Acubíllase nos extremos e esténdese na mediocridade, expón a dúbida e resólvea con máis dúbidas, adícase a unha procura incansable das contradicións, para desmontar calquera dogmatismo. É ingobernable, furiosa, paciente, estúpida, absurda... É machista, feminista, de dereitas e de esquerdas, cando parece que chega, acaba de marchar, sempre sobe cando está baixando, é virtuosa pero tamén defende o poliamor.

A Comedia revela o máis triste, denuncia o máis obvio, ispe a vergoña, cuestiona o poder, descobre a importancia de aquelo que nunca miramos. Xoga coa nosa lóxica para desconcertar os axiomas, varea a nosa soberbia, trastorna os nosos privilexios, e abraza despois a nosa confusión. Pode ser amable, escura, displicente ou empática, pode ser brillante ou traballar na TVG. Está nos escenarios pero tamén na rúa, agochada en inesperados currunchos, sempre preparada para facer a súa aparición. Dálle a todo o mundo o que se merece, sen distingos, porque o que nos provoca risa e o que non, dá a medida do que somos. A Comedia é libre e necesita a liberdade, pero tamén nos interroga sobre os límites porque non vaia ser que maldita a graza... Entende que non todo vale, pero non se pode resistir... Debe ser ética a Comedia? Debe ser politicamente correcta? Debe ser compracente, ou ter coidado de non ofender a ninguén? Debe entrar pisando ovos, ou ser un elefante na Cidade da Cultura?

Á Comedia consentímoslle todo, e ela fai todo por nós.

E por todo isto hoxe estamos aquí, por isto acudiremos sempre que nos convoque, e non haberá preguiza nin fatiga que nos impida ir ao seu encontro, unha e outra vez. Por isto, temémola e adorámola co mesmo empeño e, por isto, finalmente, queda hoxe inaugurada esta 39ª Edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas".

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.