• Inicio
  • Novas
  • Diversión asegurada na sexta edición do torneo de dramaturxia

Diversión asegurada na sexta edición do torneo de dramaturxia

  • Clara Castilla

O Torneo de Dramaturxia de Galicia chega á súa sexta edición consolidándose como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un vínculo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega. A Asociación Galega de Dramaturxia é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega. Así mesmo, promove actividades de formación, edición de pezas teatrais e xera espazos de encontro e debate procurando, sempre, novas fórmulas que incentiven a posta en escena das dramaturxias galegas.

Santiago Cortegoso, dramaturgo e un dos organizadores desta edición do Torneo, xunto con Esther F. Carrodeguas, fala deste evento como un “evento único de promoción da dramaturxia a nivel estatal. Este ano, hai un cambio importante de formato, xa que, por vez primeira, o combate celebrarase no escenario principal do Auditorio Municipal, o que supón “un salto cualitativo” que permitirá acoller moito máis público, explica Cortegoso. Segundo afirma, “cada ano fomos conseguindo máis espectadores e había que arriscar”.

A nivel creativo, Santiago Cortegoso pensa que estamos a vivir un “momento de explosión”, destacando que “hai moita xente nova e moitas mulleres que están axudando a consolidar unha esencia propia da dramaturxia a nivel artístico moi diverso”. Cortegoso considera que este progreso, para consolidarse, require dun cambio de mentalidade. “Debemos defender a creación”, afirma.

Motivos para asistir ao Torneo de Dramaturxia hai moitos, pero o principal é que se trata dun espectáculo “moi divertido”. Santiago Cortegoso explica que, ademais, é unha “oportunidade única de coñecer pezas teatrais de gran nivel escritas ex profeso para este evento”.  

COMBATENTES 2022

Os dramaturgos e dramaturgas Laura Porto, Raquel Castro, Cándido Pazó e Antón Coucheiro son os que presentarán os seus textos nesta sexta edición do Torneo. Oito actores e actrices defenderán os seus textos: Casilda Alfaro, María Francelina, Salvador del Río, Antonio Durán "Morris", Andrés Giráldez, Avelino González, Nuria Gullón e Eva Vila. Un elenco de luxo para unha noite de feroz contenda dramatúrxica.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.