A que non podes dicir CocaCola? (II)

Sábado, 10 Xullo 2021 20:30
Sala de exposicións Auditorio Municipal
  • Compañía: Avelina Pérez
  • Procedencia: Galicia
  • Dirección: AveLina Pérez
  • Autoría: AveLina Pérez
  • Destinado a: Público adulto
  • Presentación: 2020
  • Duración: 65'

A Compañía

AveLina Pérez, creadora escénica independente.

Diplomada en Educación social, formada en interpretación na Escola Santart e titulada en dirección de escena e dramaturxia na ESAD de Galicia. 

Despois de dedicarse profesionalmente, durante anos, á educación social en contextos de exclusión,  abandona radicalmente a súa profesión e centra o seu foco nas artes escénicas. ​

Directora da compañía Teatro do Lume, no 2017 fai fronte a un novo proxecto escénico co seu propio nome, sendo creacións desta etapa A que non podes dicir cocacola? (II), Deixa de tocala, Sam e Os cans non comprenden a Kandinsky.

Acada varios premios en dramaturxia escrita, a destacar o premio Abrente pola peza O día no que bicar a terra, e o Álvaro Cunqueiro por Ás oito da tarde, cando morren as nais

Procurando a máxima liberdade nas creacións, fuxindo das etiquetas e da necesidade de paradigma definido, interesada pola palabra, cunha concepción teatral moi ligada ao terreal, ao social, na busca da deformación do cotiá e sempre transitando por un humor acedo e duro, concibe a escena como un lugar de encontro, un lugar no que a dignidade exista inda que estea camuflada, agochada, distorsionada, mais sempre presente. 

Identíficase coa idea de teatro "íntimo" ou, cando menos, co desexo dunha comunicación directa e persoal nos seus espectáculos.

Sinopse

A QUE NON PODES DICIR COCACOLA?(II)

é unha loita inútil e precisa

un desexo de escribir grandes parágrafos nas paredes acabadas de pintar

unha repetición de incertezas batendo nos puntos finais

un querer e un poder

un frasco de perfume que non recende 

un atentado contra a asepsia. 

 

Algo así é...

Algo así...

Ficha artística

  • Directora, dramaturga e actriz: AveLina Pérez
  • Música orixinal: Ramón Raíndo
  • Coa voz de Silvia Cerneira
  • Iluminación: Daniel Casquero
  • Asesoramento en iluminación: Teatro Ensalle
  • Invita a xogar: Mara
  • Traballo sobre fotografías de Isidro Pérez (fotógrafo de A Guarda)
  • Gráfica: Nadina gráfica
  • Video promocional: Jesús Tejada
  • Colabora: Teatro Ensalle

Destaques

ORIXE DE A QUE NON PODES DICIR COCACOLA (II)

No 2011 estreaba A que non podes dicir cocacola?, unha peza arredor da capacidade de adaptación á violencia imperante.

No 2020 , establezo un diálogo co traballo anterior co propósito da creación desta nova peza que atende á evolución social, así como ao meu propio cambio, vital e teatral – non pode ir separado - e que dá como resultado A que non podes dicir cocacola? (II); outra vez unha confrontación coa violencia e a capacidade de evasión que desemboca –con maior ou menor consciencia –na indiferenza.

Neste caso a violencia toma a aparencia da desinfección, da hixiene, mais non falamos de lavar as mans por causa da COVID 19 senón desa asepsia mental e relacional, dese pensamento uniforme, dese paso pola vida coa corrección que de nós se espera... inda que esteamos a morrer.

Unha ollada – outra vez – desde o absurdo, e un desexo implícito de turrar na vida con forza e de berrar algo máis que consignas aprendidas.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.