Pregón inaugural por Fran Paredes

Venres, 02 Xullo 2021 22:30
Auditorio Municipal de Cangas
  • Procedencia: Galicia
  • Tipo: Pregón

Chámome Francisco Javier Paredes Costa. Así, con dous nomes e dous apelidos, á antiga usanza.  Vin a este mundo nun hospital alá polo mil novecentos… polo mil novecentos… en fin, como dicía Groucho, “non ten importancia saber cantos anos teño, é cousa sabida que nacín a unha idade ben temperá”. Despois vivín en Moaña, de onde é a miña familia, a primeira parte da miña vida, ata o dous mil… o dous mil… en fin, que xa era o século seguinte, cando marchei vivir para O Hío en Cangas, e ata agora.  O certo é que nunca tiven moi claro que era o que quería facer da miña vida, e ante tal indecisión crónica, ou se cadra motivado por ela, probei a facer un pouco de todo:

Fun xogador de fútbol alcólico nun tellado, cociñeiro de campaña con coraxe, reporteiro milhomes cunha superidentidade secreta nun xornal, faranduleiro de notable enxeño con moito llullu, pallaso excéntrico en circos enmeigados, pirata entre morcegos, xogador no tranvía do desexo, nigromante de faustas cerimonias, aviador sobre desertos con principiños, escritor paranoico nun círculo, devoto tartufo, home pobre na miseria e home rico sen misericordia, emigrado na Arxentina, tolo nunha bailadela, criada de bile negra, cego de cantares por terras de ningures, piloto da Pinta, pai en Áulide de Ifixenia, esposo de Penélope no outro lado do charco, propietario dun serradoiro, empresario arribista sen escrúpulos, conde arruinado, enredante avogado, garda civil, policía e narco, parado na procura da felicidade dos cans…

En fin, que aínda que non me deron a elixir, de entre todas as vidas supoño que eu escollín aquela que un día Sanchís Sinisterra tan acertadamente definiu en boca do seu Nicolás de los Ríos, famoso representante: “metade mendigo, metade puta”. Así, metade e metade.

Fran Paredes. Piollo. Quero dicir, actor… Ou algo parecido…

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.