Premio Mulleres en Acción 2021

Sábado, 10 Xullo 2021 22:30
Auditorio Municipal de Cangas
  • Procedencia: Galicia

A Dª MARGARITA LEDO ANDIÓN

En recoñecemento ao seu labor como escritora, cineasta, investigadora e docente. 

Por apostar, no ámbito académico, por una educación en Comunicación Audiovisual con perspectiva de xénero. E, como cineasta, por utilizar o ollo da cámara ao servizo do corpo e da realidade das mulleres, situando ás súas protagonistas como donas da propia existencia e impulsa un imaxinario colectivo no que as mulleres son auténtica NACIÓN.

Margarita Ledo Andión é un referente indiscutible para as novas xeracións de comunicadoras e creadoras que tan necesitadas están de exemplos de mulleres comprometidas co pensamento feminista no eido cultural e audiovisual

Cineasta, escritora, académica e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC (na que exerceu como Decana), é numeraria da Real Academia Galega.

Premio Nacional da Cultura Galega 2008, no apartado de  Cine e Audiovisual. Premio Otero Pedrayo 2017. Premio Cineuropa 2020. 

O seu último filme NACIÓN, obtivo o Premio 2020 á Mellor Dirección de Película Española do Festival de Cine Europeo de Sevilla e o Premio Mestre Mateo 2020  ao Mellor Documental.

No ámbito artístico, Margarita Ledo Andión ten unha brillante traxectoria como escritora e como cineasta.  Da súa novela Porta Blindada (Edicións Xerais, Vigo, 1990), devén a personaxe masculina da súa primeira película de ficción, o filme feminista A cicatriz branca (Galicia-Argentina), 2012. A súa obra cinematográfica exhibiuse en diversos festivais (DocsLisboa, Málaga, Babel…). En 2012, o FESTIVAL DE CINÉMA DE DOUARNENEZ exhibe as longametraxes, Santa Liberdade (Galicia- Brasil-Venezuela, 2004) e Liste, pronunciado Lister (Galicia, 2007). No ano 2017 o  Festival Internacional DocumentaMadrid dedícalle unha retrospectiva.

No eido do cinema militante é produtora executiva de CCCV, 2005, de Ramiro Ledo Cordeiro e autora de curtas como Lavacolla 1939 para o filme colectivo Hai que botalos! (2006). Asemade é autora de obras de factura cultural e social coma a mediametraxe Apuntamentos para un filme (2012), incluída nos programas da Secretaría Xeral de Igualdade; Manuel María: Eu son fala e terra desta miña Terra (2005/2016), ou a peza Bucle, para o libro-cd «Herdeiras» de Carmen Penim.

No ámbito académico, lidera o Grupo de Estudos Audiovisuais (Grupo de investigación de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego), co obxectivo de relacionar o estudo da comunicación coas cinematografías dende unha perspectiva de xénero, e co que, en 2018, consegue desenvolver o seminario CO(M)XÉNERO, foco de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade, na visibilización informativa e cinematográfica das identidades de xénero e deconstruir as representacións e estruturas sexistas presentes nos medios e nas industrias culturais e creativas.

No Grupo de Estudos Audiovisuais dirixe a serie «Para unha historia do cinema en lingua galega», con tres volumes xa publicados pola editorial Galaxia: Marcas na Paisaxe, 2018; A foresta e as árbores, 2019; De illas e sereas, 2020. A súas liñas de pescuda traballan a produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade así como as políticas de comunicación feministas nos universos da creación e a expresión. Dirixe o proxecto I+D+i Patrimonio Cultural Inmaterial: Para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas, que é continuación do que finalizou en 2015: Cara ao espazo dixital europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal.

https://estudosaudiovisuais.org/miembros/margarita-ledo-andion/

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.