Premio Xiria ao Labor Teatral 2022

Premio Xiria ao Labor Teatral 2022

Domingo, 26 Xuño 2022 22:30
Auditorio Municipal de Cangas

PREMIO XIRIA AO LABOR TEATRAL A CASA – MUSEO MANUEL MARÍA

Pola creación do Certame de Proxectos Teatrais para Compañías Profesionais, un excepcional proxecto que, ademais de promover a produción da obra dramática de Manuel María e contar cunha dotación económica, realiza un complexo labor de pre e postprodución que garante ao proxecto gañador a súa distribución nos moitísimos concellos de Galicia que colaboran co certame.

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos constituíuse en abril de 2007, dous anos despois da morte do escritor, sendo declarada de Interese Galego nese mesmo ano. Propoñíase como obxectivo primeiro a adquisición da casa natal do escritor co fin de reunir alí todo o seu legado. O proxecto, -encabezado por Saleta Goy, compañeira de vida de Manuel María- culmina en setembro de 2013 coa inauguración da Casa-Museo Manuel María.

Desde ese momento mantense aberta ás visitas de escolares e adultos. Alí atópase a biblioteca do escritor con máis de 12.000 volumes; un fondo artístico sobresaínte con obras de Castelao, Maside, Seoane, Urbano Lugrís, Laxeiro, Reimundo Patiño, Manuel Torres, Xabier Pousa...; unha importante documentación relativa a diferentes aspectos da cultura galega; as primeiras edicións da obra de Manuel María, ademais da colección particular de obxectos que ambientan a casa.

A Casa-Museo Manuel María é a matriz dun importante proxecto cultural centrado no escritor que lle dá nome, mais vai máis aló. Alí celébranse, semanalmente, actividades culturais, de música, teatro, cine, maxia, clubs de lectura xuvenil e de persoas adultas ou roteiros de natureza e literatura. A Casa-Museo publica a obra inédita ou esgotada do escritor, os materiais para o ensino e para apoiar as visitas escolares (xogos, lecturas...), desde hai sete anos convoca concursos escolares de recitado poético e videopoemas, e celebra o Convívio da Cultura Galega na carballeira emblemática de Santa Isabel en Outeiro de Rei.

É de destacar o seu traballo no ámbito do audiovisual creativo e documental onde sobresaen os títulos De amor e cantería -premio Mestre Mateo ao mellor documental creativo 2011- e Manuel María, paixón de palabra e Terra, nominado nos Mestre Mateo 2016.
Finalmente, cabe resaltar a convocatoria de dous importantes certames no ámbito musical e teatral: o Certame Manuel María de composicións musicais que premia a mellor composición para voz e piano realizada sobre un poema do escritor chairego e o Certame Manuel María de Proxectos Teatrais destinado a compañías profesionais, que garante arredor de 30 representacións ao proxecto gañador.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.