Teatreiro de seu

Xoves, 01 Xullo 2021 20:00
Auditorio Municipal de Cangas | 20.00h Inauguración exposición | 21:00h Homenaxe
  • Procedencia: Galicia
  • Tipo: Exposición documental e homenaxe

XOSÉ MANUEL PAZOS VARELA (CANGAS 1957-VIGO 2021)
MESTRE, POLÍTICO, TRADUTOR E AUTOR TEATRAL.

Como se dun xogo teatral se tratase, brincadeira premonitoria do seu fado, Xosé Manuel Pazos Varela veu a este mundo en Coiro, Cangas, na chamada Casa da Inquisición, decorado perfecto para albergar o nacemento de quen se ía converter nun destacado autor teatral, nun teatreiro de cabeza e corazón que, mergullado no veleno do teatro, imaxinou e escribiu en 1989 a que ía ser a súa peza mais representada, a traxedia dunha vítima da Inquisición, María Soliña, o primeiro texto teatral escrito sobre este episodio histórico, un poema dramático publicado e levado a escena como espectáculo clásico, como o macro evento que cada ano conmemora a defensa da vila fronte aos piratas berberiscos, ou mesmo como unha ópera folk. María Soliña é un símbolo de Cangas, galego e universal, ao que o autor contribuíu, non só coa súa peza senón como rexedor municipal, favorecendo que o símbolo se levara ao cine, a unha escultura ou ao nome dunha rúa. Un home de teatro que procurou que a cultura entrase pola porta grande nas institucións.

Dinamizador, emprendedor, enérxico, locuaz, valente e cun extraordinario sentido do humor, Xosé Manuel era un amante das verbas, do debate de ideas, gran conversador e brillante orador. Conta a súa nai que, xa de neno, gustaba de subirse a un alto para declamar as súas precoces ocorrencias literarias. Escritor compulsivo, caderno e lapis no peto, a punto para atrapar ao voo calquera idea que lle suxerise a vida, a realidade ou a sociedade. Pazos escribiu de todo e ben, artigos, prólogos, relatorios, letras para cancións e comparsas do entroido, e versos, versos aínda por editar. Mais, sobre todo, escribiu, traduciu e adaptou teatro.

Dramaturgo afeito a escribir a pe de escena, capaz de recoller as propostas de actrices, actores ou dirección para traballar nelas na soidade da noite e levalas ao seguinte ensaio fundidas nun texto novo, vivo e palpitante, todo un mérito que o sitúa, neste sentido, como un dramaturgo avant la lettre, ese que recibiu un Premio MAX por Emigrados.

Prolífico tradutor, trouxo ao galego dramaturxias clásicas e contemporáneas como as de Marlowe, Pirandello, Juan Mayorga, Laila Ripoll, Valle Inclán, Sanchis Sinisterra, Ernesto Caballero, Itziar Pascual, Benet i Jornet,   Yolanda Pallín,  Federico García Lorca, cunha rítmica e exquisita tradución de Amor de Don Perliplim con Belisa no xardín, ou coa Charca Inútil de David Desola, pola que recibiu un Premio María Casares.

Xosé Manuel Pazos Varela entendía o teatro como ferramenta artística, pedagóxica e lúdica, sempre vinculada á realidade. O teatro que lle interesou dende os seus comezos tiña un inequívoco carácter social. Hoxe agradecemos que o seu activismo e compromiso deixara tan importante pegada na Cangas daqueles escuros anos nos que o país era un ermo, e nos que contribuíu a iluminar a vila con arte, teatro e cultura. Un exemplo é a longa vida da Asociación Cultural Xiria e desta Mostra que dirixiu os dez primeiros anos e que hoxe tanto o bota a faltar.

Estréase como mestre na montaña sanabresa, en Lubián, onde desenvolve unha intensa actividade teatral. Xa en Cangas, nos colexios de San Roque e Montecarrasco, foi pioneiro en incorporar o teatro como recurso pedagóxico e, como concelleiro de Cultura, en impulsar as artes escénicas nos centros educativos.  Pazos implicouse a fondo no movemento teatral da vila e na consolidación do sistema teatral galego. Escribiu, traduciu e foi membro do consello de redacción da erregueté, ate o seu pasamento. Sempre pronto en apoiar a cultura, o seu labor foi decisivo para que unha vila tan amante do teatro como Cangas contase cun Auditorio Municipal como o que hoxe desfruta toda a cidadanía.

Xosé Manuel traballou para algunhas das míticas compañías galegas de teatro pero vai ser en Teatro de Ningures, a compañía que funda en 1986, onde concentrará o seu talento creativo e xeneroso ate o seu derradeiro día.
 
Sería imposible citar aquí todo canto fixo por converter esta vila en Terra das Artes, plásticas, escénicas, audiovisuais ou musicais pero, sen dúbida, Pazos foi algo máis que un mestre, que un político, que un dramaturgo ou que un teatreiro, Xosé Manuel Pazos Varela foi un auténtico embaixador da Cultura, esa persoa que o sector escénico galego lembra hoxe como o ALCALDE DO TEATRO.

HOMENAXE

38 anos despois de que Xosé Manuel Pazos Varela, xunto a un pequeno grupo de persoas con xiria, idease e crease esta Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo, queremos facer un recoñecemento á súa persoa e ao seu labor, a través dunha sinxela homenaxe composta por unha exposición documental e un acto lúdico no que estarán presentes as artes que tanto amou, teatro, danza, poesía, música... e a súa xente.

PRESENTAN:
  • Pepa Barreiro e Sonia Rúa.
PARTICIPAN:
  • Anxo Graña, músico. 
  • Aurora Prieto, concelleira de cultura.
  • Blanca Francés, cantora.
  • Cándido Pazó, autor, director e contador de historias.
  • Carme Penim, cantante.
  • Diego Seixo, comisariado exposición.
  • Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, titiriteiro e cantor.
  • Etelvino Vázquez, director e actor. 
  • Felipe Lubián, alcalde de Lubián.
  • Héctor Pazos, músico.                                               
  • Henrique Harguindey, profesor e tradutor.
  • Manuel F. Vieites, investigador.
  • María Armesto, dramaturga.
  • María Barcala, actriz. 
  • Paco Alfaro, músico.
  • Pepa Barreiro, actriz.
  • Salvador del Río na iluminación.
  • Silda Alfaro, actriz.
  • Sonia Rúa, actriz e vestuarista.
  • Uxía, cantante.
  • Xico de Cariño, músico.
  • Xulio Lago, director e actor. 
  • A.C. Lembranzas da Ría, baile tradicional.
  • A.C. Peis d`hos.
  • Banda de gaitas Tromentelo.
  • ETC. Escola de teatro de Cangas (Grupo: Posta en escena).

Comisión organizadora do acto: Che Mariño, Antón Pazos, Antón Lamapereira e Silda Alfaro, Pepa Barreiro e Sonia Rúa.

O noso agradecemento a María Xosé González Domínguez, viúva de Xosé Manuel Pazos Varela pola súa colaboración e o empréstito de obra e material documental do autor.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.