A ETC nace en 2008 co obxectivo de facilitar o coñecemento da práctica teatral e mostrarlle ó público o resultado dese traballo coa Posta en Escena de obras interpretadas polo alumnado, da man da equipa de Teatro de Ningures.
“Vidas”…ao fin e ao cabo. Vidas expostas a este mundo e ás súas circunstancias, aos cambios obrigados ou procurados. Mais que acontece cando esas mudanzas nos levan alén do límite das nosas propias fronteiras individuais e colectivas, cando cruzamos no camiño con outras vidas e outras realidades que nunca quixemos ver? Que facemos ao compartir dramas e segredos? As personaxes destas “Vidas entre lusco e fusco”, incapaces de sobrevivir sen humor, sen crítica e sen esperanza, tentan dar resposta a esas preguntas e circunstancias, algunhas de plena actualidade e outras que nos acompañan desde hai ben tempo.