Lonxe do fracaso, preparadas para o éxito, somos persoas rápidas, astutas, intelixentes, seguras, boas, simpáticas, divertidas, falamos e colocámonos corporalmente ben, sabemos de máis, facémolo demasiado ben.
Obradoiro aberto a artistas, intérpretes e a quen utilice a súa persoa no proceso creativo, no que imos experimentar co fracaso, con todas esas veces que nos dixeron que non. Seredes protagonistas do noso propio SALON DE REFUSES,
Proponse o xogo como ferramenta para a busca individual cara a propia descuberta, un espazo para que cada quen indague, descubra e poida achegarse a aquilo que xa ten. Se queres arriscar, xogar cos teus erros aproveitándote das túas imperfeccións e afondar máis na TÚA implicación coa TÚA obra, BIENVENUE.
Este Salón dos Rexeitados abrirá ao público o mércores 6 de xullo ás 21:00H
A súa formación xornalística e artística únense na performance con Miss Beige, primeira exploración nun traballo non verbal. Un proxecto multiforme que nace en resposta á falta de heroínas femininas non sexualizadas nin cosificadas no imaxinario colectivo. Utiliza o monocromo do "beige", unha cor aséptica coa que critica a obsesión polo retoque, os filtros e os mecanismos de autoengano que ofertan os nosos dispositivos e aplicacións de imaxes.
Miss Beige constrúese a si mesma a través de imaxes onde se presenta como suxeito e obxecto ou, se se prefire, artista e modelo, un xogo nada novo dentro das prácticas performativas desde comezos do século XX e ao que se acolleron, tamén, as prácticas artísticas feministas.