Despois de experimentar co fracaso, de arriscar, de xogar cos seus errores, imperfeccións e de profundar un pouco máis na súa implicación coa súa obra, o alumnado do curso impartido por Ana Esmith vai ser o protagonista do seu propio SALÓN DES REFUSÉS e abrirá as súas portas ao público para amosar o seu particular SALÓN DE REXEITADOS.
ANA ESMITH. Licenciada en Xornalismo pola UCM. Diplomada en Arte Dramática, escola Philippe Gaulier, en Londres.
A súa formación xornalística e artística únense na performance con Miss Beige, primeira exploración nun traballo non verbal. Un proxecto multiforme que nace en resposta á falta de heroínas femininas non sexualizadas nin cosificadas no imaxinario colectivo. Utiliza o monocromo do "beige", unha cor aséptica coa que critica a obsesión polo retoque, os filtros e os mecanismos de autoengano que ofertan os nosos dispositivos e aplicacións de imaxes.
Miss Beige constrúese a si mesma a través de imaxes onde se presenta como suxeito e obxecto ou, se se prefire, artista e modelo, un xogo nada novo dentro das prácticas performativas desde comezos do século XX e ao que se acolleron, tamén, as prácticas artísticas feministas.