Van catro décadas dende aquel setembro de 1984, no que a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ergueu o pano por primeira vez no Teatro Avenida, 40 anos que nos contan… a través do humor, que falan de nós, da nosa realidade, da nosa historia. A falta de infraestruturas, o feble apoio das institucións, as repetidas crises, pandemia, (momentos de verdadeira resistencia), foron pedras no camiño que afectaron a esta Mostra e ao conxunto do tecido teatral estatal e galego. Pedras que, afortunadamente, non fixeron tremer a consolidación das nosas artes escénicas.
Hai 40 anos xestouse a profesionalización de boa parte do sector. Hoxe celebramos este aniversario xunto a algunhas das iniciativas que comezaron a súa andaina por aquel tempo e que co seu traballo conseguiron mudar e modernizar a concepción da escena galega e estatal. Con este encontro queremos propiciar un intercambio de experiencias e reflexionar sobre os avances e atrancos vividos ao longo destes 40 anos.