Dende Rebordelos producimos espectáculos que convidan a un gozo estético e sensorial dende narrativas que cheguen e inclúan a todo tipo de persoas no pracer e na experiencia escénica. O noso interese pivota arredor das voces infrarrepresentadas do relato, da recuperación da memoria e da aportación a un patrimonio cultural común. Apostamos por espazos seguros de creación, respectuosos cos tempos desta como método para alumear pezas vitalistas, coidadas e feitas dende os coidados.
Amantis indaga en como as redes sociais, o selfie, e o sexting, inflúen na creación da propia identidade. Conta a historia de M., un adolescente de barrio obreiro que quere ser influencer. Nese camiño topará coas trampas dun universo intanxible no que non todo é o que parece e no que el mesmo terá que descubrir quen é.