‘Bambú’ é un texto vivo, activo, co que a propia autora quixo crear un artefacto. Un artefacto literario que fai visible e denuncia a violencia patriarcal no ámbito familiar e que, ao tempo, quere ser o petardo, mina ou granada que explote nas conciencias, golpeando, removendo.
Este artefacto confórmase coa voz dunha muller que percorre as estancias da casa na que se produciu a violencia; dende o berce, pasando polo corredor, a cociña, a sala de estar, ata o balcón, no que unha planta de bambú é o elemento protector.
Unha singular e coidada edición que leva incorporado un plano despregable da casa, realizado pola arquitecta Pepa González.
Isabel Blanco é escritora e avogada especializada en Dereito Matrimonial, de Familia e en violencia de xénero e menores. Na última década publicou máis dunha decena de libros. A súa obra foi merecedora de diversos premios.