Premio do Público no Festiclown 2017 e 2019, Premio Domingos do Principal de Pontevedra, Píscore chegan para levar a todas as prazas e teatros a mellor comedia musical e xestual. Esta compañía naceu na primavera do 2016 e homenaxea co seu nome á famosa "Esther Píscore", trasunto da musa da danza, Terpsícore, nun coñecido gag de Les Luthiers. Teñen a premisa de facernos rir dende o virtuosismo musical, a elegancia e unha estética moi próxima á comedia xestual máis clásica.
A Banda de Música “Belas Artes” de Cangas fundouse en 1926 baixo a batuta do seu primeiro director Marcelino Carballo Villaverde. Logo dun tempo de inestabilidade, no ano 1982 comeza unha nova etapa co mestre Inocentes Camaño á cabeza. Foron numerosos os directores que pasaron por esta agrupación que actualmente conta con 35 músicos presididos por Humberto Carballo Martínez dende finais do 2017, apostando sempre pola música de banda e a prol da cultura no Concello de Cangas.
Mantendo a anterior e exitosa líña de traballo marcada pola compañía, nesta produción (con)fusionamos música, teatro, humor, comedia xestual, clown e participación do público. Cunha marimba como eixo principal do espectáculo, Concerto con Fusión incorpora diversos matices musicais, cunha vocación popular e con cabida para diferentes ritmos, como música latina, rock & roll, reggae, pop ou música disco. Catro músicos, descoñecidos, de estilos moi diferentes, chegan ao palco cos seu instrumentos. O descubrimento dunha marimba e de todas as súas posibilidades fai que o que podería ser un desastre se convirta nun divertido exercicio de virtuosismo, cooperación e fusión musical. Entre partituras, atrís e baquetas, os catro protagonistas van descubrindo, pouco a pouco, tema a tema, que teñen un pasado en común e unha incrible querenza por facer músicas (con)fusionando estilos.