En 2021 a MITCFC acolleu a estrea internacional de Especies Lázaro, o 116º espectáculo da histórica compañía portuguesa Teatro Art’Imagem. A editorial Húmus presenta neste 2022 o texto orixinal en galego e a tradución ao portugués de Diana Vasconcelos desta peza que ofrece unha viaxe en paralelo entre o século XXI e o século XVI e se achega á figura de Isabel Barreto, primeira almirante na historia da navegación.
As especialistas a bordo do buque oceanográfico Isabel Barreto desenvolven un proxecto de catalogación do fondo mariño do Banco de Galicia. Despois de semanas de convivencia e unha enfermidade inesperada, a tripulación mostra as súas diferenzas nun marco de humores cambiantes debido ao efecto ‘mamparite’ que padecen as persoas confinadas durante moito tempo. En paralelo, en 1596 o galeón San Xerónimo diríxese rumbo a Manila despois dunha expedición ás illas Salomón, descubertas por Álvaro Mendaña en 1567. Á morte de Mendaña, a súa viúva, Isabel Barreto, capitanea unha tripulación mermada, sen víveres e sen auga.
Dramaturga e directora teatral. En 2008 traballa como dramaturga residente para o Centro Dramático Galego coa creación de Estigma. En 2010 obtén o IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico con Indoor e o XIII Premio Josep Robrenyo con Memoria do incendio. En 2011 recibe o IV Premio Abrente de Textos Teatrais con Campo de Covardes. En foi 2014 é seleccionada dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con Nome: Bonita, obra recoñecida co Premio Mondoñedo 10’ á mellor obra teatral da década en lingua galega. Actualmente, combina o seu traballo creativo na compañía Incendiaria coa docencia na ESAD de Galicia. Entre os seus traballos máis recentes, destacan: Microspectivas dun marica millennial e A lúa vai encuberta.