Coreógrafa e bailarina afincada en Barcelona, Sol Picó formou a súa propia compañía en 1993, coa que desenvolveu o seu tan persoal selo. Coñecedora da danza clásica, española e contemporánea, as tres disciplinas pódense sentir no seu traballo coreográfico, enmarcadas na expresión máis contemporánea da danza. Dirixiu e interpretou máis de trinta espectáculos que xiraron en países de todos os continentes. Premiada, entre outros, con 4 premios das Artes Escénicas Valencianas, 10 premios Max, o premio Nacional de Danza de Cataluña (2004) ou o Premio Nacional de Danza (2016).
En Malditas Plumas percorremos diferentes episodios da vida dun personaxe, encarnado por Sol Picó, nunha viaxe que transita entre a tenrura e a decadencia. Nesta obra, o público coñece a historia dunha vedette do Paralelo e comparte as súas lembranzas, experiencias, vivencias… ¿ou ben nunca chegou a selo e son os seus soños, as súas proxeccións vitais, os seus desexos non cumpridos? É todo un gran delirio quizais que, aínda que nos transporta a un sitio e a unha época moi concretos, nos conecta tamén cos sentimentos máis humanos e, polo tanto, máis universais: o medo á morte, á degradación, á perda... a desaparecer.
Esta obra xoga coa transformación, a interacción do público e a confusión entre ficción e realidade, sempre coa ironía e o sentido do humor que caracterizan a linguaxe de Sol Picó.