Educadora, difusora da tradición oral, da literatura popular, recompiladora dos nosos contos populares, defensora da lingua, militante política e muller do teatro dende a súa mocidade.
Maruxa Barrio Val naceu en 1949 en Barredo, unha aldeiña de Agolada, camiño de Melide. Alá viviu ata os catro anos en que se trasladou coa familia a Ferrol e, máis tarde, en 1960, á Coruña, onde fixo a carreira de Maxisterio.
As súas inquedanzas levárona axiña a se integrar no Teatro Circo dirixido por Manuel Lourenzo e, nese grupo teatral, participou nas montaxes O mandarín Bien-Fu (1969), Tres irmás parvas (1969-70), Romería ás covas do demo (1969-70), Terra en lume (1970) e Crónica do sol de inverno (1971).
A partir de 1971 forma parte de colectivos pedagóxicos que estaban a elaborar material escolar galego, particularmente o método de lectura e escritura Picariños (publicado por Casals/Galaxia en 1975), a antoloxía de textos e exercicios Textos para o ensino do galego (publicado por Edicións do Rueiro en 1976) e a Xeografía descriptiva de Galicia (Rueiro, 1979).
Instalada en Cangas en 1976, desenvolve unha intensa actividade no eido cultural e social, continuando o labor político que xa iniciara na clandestinidade durante o franquismo.
Tras gañar a oposición do corpo de Maxisterio en 1978, continuará o seu longo labor docente nos colexios públicos de Nazaret (Cangas), O Hío, San Roque (Darbo) e Instituto de Ensino Secundario Monte Carrasco, centro do que foi directora durante algúns anos.
Con Henrique Harguindey -pensando en Breixo, fillo de ambos- elabora o material pedagóxico baseado na nosa cultura tradicional Lerias e enredos para os máis pequenos (Galaxia, 1983) e a Antoloxía do conto popular galego publicada por Galaxia en distintas edicións a partir de 1983.
En 1982 participa na fundación da Asociación Cívico-Cultural Xiria e posteriormente na Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas.
O importante labor levado a cabo pola asociación para facer fronte ao baleiro sociocultural que sufría Cangas foi posible polo esforzo de moitas persoas que traballaron arreo e que, contando con múltiples apoios na sociedade canguesa, fixeron unha fértil sementeira que mereceu, no seu día, ser premiada polo Concello de Cangas. Maruxa Barrio era unha desas persoas.
Con distintas responsabilidades nas sucesivas xuntas directivas e na coordinación de actividades concretas, estivo aí sempre, co seu traballo e as súas propostas, como foi a de darlle á Mostra de Teatro de Cangas o carácter Cómico e Festivo.
Con este acto queremos celebrar o moito que Maruxa nos ofreceu e abarcar todas aquelas cousas das que ela, tanto e tantas veces, gozou: a música, a poesía, o cine, o teatro e o enorme cariño das súas compañeiras e compañeiros.
As amigas e os amigos, agradecémosche a túa xiria!
Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra
Tel.: +34 986 30 41 08
https://www.mostrateatrocangas.gal
Descargar información como: vCard