Excéntricas é un proxecto teatral que se desliza comodísimo polos vieiros da comedia, e en xeral polo uso do humor como instrumento óptico para ollar o mundo e os seres humanos. Excéntricas ten tres formatos de espectáculos: os que protagoniza o dúo Mofa & Befa, con obras de elaboración propia e métodos artesanais; os espectáculos unipersoais de Quico Cadaval, e outra liña, na que se parte de textos de autores contemporáneos como Shakespeare, McDonagh, Topor ou Valle-Inclán, que teñen en común o uso do humor como ferramenta crítica e dos coñecementos como materia para a burla e para o riso. Algúns dos seus éxitos son «Shakespeare para Ignorantes», «Un Cranio Furado» ou «A Cabeza do Dragón». En 2022 chegan “O Porco de pé” de Vicente Risco (marzo) e "Pirolíticos", un espectáculo totalmente novo de Mofa & Befa co que celebrarán o seu 30º aniversario (outubro).
O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a sua superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.
Vai para cen anos, Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapéus a confundirse cos propios burgueses. Descobreu que estaban entre NÓS! A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe mais vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán, como nunha linterna máxica, anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, cupletistas, mentalistas, futuristas, e budistas.
Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Unha sucesión de grotescos personaxes, caricaturescos como marionetas, representan dende os principios da farsa popular, a aguda visión do míope Risco. Unha historia de corrupción política e de amor, pasada polos espellos deformantes do parque de atracción.
ELENCO
ESCENOGRAFÍA E INDUMENTARIA
ILUMINACIÓN
ESPAZO SONORO
CACHUCHA E FANTOCHE
MAQUINARIA
TÉCNICO EN XIRA
DESIGN
VIDEO
FOTOGRAFÍA
UNIDADE DIDÁCTICA
PRODUCIÓN
AUTORÍA
VERSIÓN E DRAMATURXIA
DIRECCIÓN E DRAMATURXIA
O PORCO DE PÉ conta co apoio da Xunta de Galicia e Agadic grazas á Subvención a Creación Escénica 2021.