A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, nesta 39 edición, quere amosar o seu interese e apoio ao labor que desenvolve o teatro amador galego, tan necesario e que consegue achegar o teatro a onde, sen eles, non sería doado chegar.
Farémolo cunha xornada na que se celebrará unha mesa redonda protagonizada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) e coa presentación de pequenas pezas de teatro realizadas por algúns dos grupos federados.
Unha oportunidade para debater, opinar e falar sobre a traxectoria do teatro amador en Galicia desde o ano 2000. Como resistiu os embates de unha crise económica e unha pandemia de dimensión mundial. Falando dende a experiencia de colectivos e grupos do teatro amador galego.
Participantes: Chelo Pampillón, Tareixa Campo, Pedro Pablo Riobó, Xaime Costas, Manuel Dasilva (Moderador)