Queremos celebrar a obra de Lino Braxe, un artista polifacético que entregou o seu talento ao teatro, á música, á pintura, á radio e, especialmente, á poesía... Sempre, con vitalidade e co seu inigualable sorriso.
Imos celebrar a súa vida do mesmo xeito que Lino a celebrou, con xenerosidade e cun enorme sorriso até o seu derradeiro suspiro. Farémolo con música, teatro e poesía, da man de amizades, amores e artistas:
LINO BRAXE, nado en Mugardos o 18 de Xuño de 1962, foi un artista polifacético e multidisciplinar. Dende moi novo, destacou polo seu talento, madureza e intelixencia privilexiada. Sen dúbida é un dos referentes contemporáneos máis importantes para a cultura e a lingua do país. Practicou case tódalas disciplinas artísticas e foi un dos intelectuais máis salientables da súa xeración: Actor, locutor, director, dramaturgo, actor de dobraxe, pintor, músico, escritor, poeta…
No ámbito escénico desenvolveu un importante labor tanto como dramaturgo, actor e director de escena como de teatro radiofónico. Foi un dos principais impulsores da creación dos Premios María Casares, que veñen de cumprir o seu 25 aniversario, aos que estivo nomeado durante anos en diferentes categorías.
Lino nace como actor en 1985 na Cía. Luís Seoane e destaca o seu paso polo Centro Dramático Galego, onde deu vida a maioría das súas personaxes. Ademais de no teatro, foi actor no cinema, na televisión e na dobraxe, onde traballou dende 1990 ata o seu falecemento.
Como escritor conta cunha extensa produción en ensaio, obra narrativa, literatura infantil e xuvenil e dramaturxia (moita creación aínda inédita). Pero, sen dúbida, no que principalmente destaca é como poeta, sendo un dos representantes principais da chamada xeración dos 80.
No ámbito xornalístico, a radio foi un punto clave na súa traxectoria, durante 10 anos traballou para Radio Nacional Española, onde foi director de programas, director de informativos e xefe de programación, tamén chegou a ser comentarista político na Cadena Ser e, en canto a prensa escrita, colaborou na maioría dos medios galegos e, a nivel estatal, nos diarios El País e El Mundo. Cabe destacar, tamén, que foi fundador e formaba parte do consello de redacción da revista Luzes.
Realizou unha extensa obra pictórica, paixón herdada do seu pai e, no eido da música conta cunha importante discografía. Formou parte de grupos como “Caricia da Serpe” e “Avenida Atlántica”.
Foi director e profesor nos inicios da Escola de Teatro de Narón. Nos últimos tres anos, foi o director do grupo de teatro da Agrupación Alexande Bóveda, e un dos impulsores do Memorial Ibán Toxeiro, encontro do teatro profesional co teatro amador galego.