O número 103 da revista, correspondente ao primeiro semestre de 2022, dá conta de case todo o que aconteceu nos escenarios galegos durante esta temporada. A publicación sobre artes escénicas, con 39 anos de historia, segue adiante cun deseño e uns contidos renovados, tentando non discriminar ningunha modalidade ou formato escénico.
Ademais, presentamos o segundo libro da colección de textos teatrais cun par de pezas de moi distinto signo. Dúas historias de amor. Unha entre dúas mulleres, as primeiras que, desafiando a violencia heteropatriarcal, emprenderon a aventura de casar: Elisa e Marcela, o espectáculo co que A Panadaría gañou moitos premios e bateu un récord de funcións, dentro e fóra de Galiza. A outra, O esboroamento da tenrura, sobre o amor filial e a perda da nai, a obra que se fixo co prestixioso Premi Born de Teatre.