VII Torneo de Dramaturxia de Galicia

Martes, 04 Xullo 2023 22:30
Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela
  • Procedencia: Galicia
  • Tipo: Torneo
  • Estrea: Estrea absoluta

O Torneo de Dramaturxia de Galicia consolídase como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre  autoras/es e público. 

Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega. 

A Asociación Galega de Dramaturxia é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega. 

Así mesmo, promove actividades de formación, edición de pezas teatrais e xera espazos de encontro e debate procurando, sempre, novas fórmulas que incentiven a posta en escena das dramaturxias galegas.

Sinopse

Unha mestra de cerimonias única presentará este furioso combate no que catro recoñecidas dramaturGAS e dramaturGOS de Galicia bátense na procura do voto do público. As armas a usar? Retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.

O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.

Ficha artística

  • Mestra de Cerimonias: Esther F. Carrodeguas.

COMBATENTES TORNEO 2023

  • Deborah Vukusic é actriz, escritora, directora e autónoma, é dicir, malabarista sen bólas. Tanto lle pasa o ferro a un ovo que che frite unha camisola. Canta ben na ducha e conta chistes malos. A moza perfecta que túa nai nunca querería para ti. 
  • Ana Abad de Larriva é actriz e creadora escénica. É titulada superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia e como dramaturga recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Abrente, a bolsa de dramaturxia do CDG e o Premio Roberto Vidal Bolaño; e gañou o Certame de Microteatro da Memoria.
  • Manuel Cortés é dramaturgo non vocacional, chega ao teatro desde a poesía. De feito máis ca dramaturgo considérase un poeta en excedencia. A súa carreira empeza profesionalmente alá polo ano 92, escribindo as primeiras cousas para seren representadas na mítica Sala NASA de Santiago de Compostela. Despois de máis de trinta anos escribindo textos teatrais, está empezando a pensar que, se cadra, o futuro está na poesía. E tamén pensa que unha cousa non se mata coa outra. 
  • J. L. Baños de Cos compaxina labores de docente teatral e de dramaturgo. Nos últimos anos recibiu diferentes premios de dramaturxia como o premio Abrente, o Roberto Vidal Bolaño ou o Barriga Verde para adultos. Forma parte da compañía Vórtice Escénico como autor da obra Asfixia.

No video selected.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.