• Inicio

Kiko Cadaval: "É raro traballar para público mascarado"

  • Clara Castilla

Quico Cadaval é sinónimo de teatro. De humor. De traballo a prol da cultura. Por isto, e por moitas cousas máis, este director, actor e narrador galego recibe o Premio Xiria ao Labora Teatral desta XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MIITCFC). A organización da Mostra destaca "a súa inesgotable creatividade, da que destaca a súa arte, única e xenial, na narración oral, capaz de conxugar o  imaxinario colectivo galego co universal, cun dominio asombroso da lingua, tanto popular, culta como musical, transmitindo valores, cultura, espazos, historias e Historia, cunha narrativa, cuasi shakespeariana."

Calquera conversa con Quico Cadaval está chea de humor e de retranca. Preguntado por como se sentiu cando coñeceu que recibiría este galardón, dinos isto: "pasoume pola cabeza o que pasa sempre. Igual pensan que estou enfermo". Logo, poñéndose máis serio, asegura que o premio cáusalle unha gran alegría "porque é un recoñecemento por parte de xente que fai unha gran labor teatral no Morrazo desde hai moitos anos". Cadaval di que este premio Xiria ao Labor Teatral "é unha forma de dicirme que formo parte da familia da Mostra, e iso é moi importante para min".

Sobre a necesidade de que haxa teatro nestes tempos tan revoltos e incertos, Quico Cadaval afirma que "a cultura é un alimento moi importante. A saúde, máis,, pero non se trata de que compitan, senón de conxugar unha necesidade coa outra". O actor e director engade que "temos todos unha responsabilidade individual e o deber de comportarnos con prudencia e así a cultura pode voltar". O premiado recoñece que "é raro traballar para público mascarado". 

FUTURO DA MOSTRA

Quico Cadaval afirma que a MITCFC "sempre foi unha Mostra de resistencia. Xa lle toca desprenderse do carácter heroico e toca celebrar a festa do teatro que trae a Cangas todos os anos". Engade que a "actual dirección asentouna e fixo que se conectase internacionalmente". 

Segundo explica o premio Xiria ao  Labor Teatral, a palabra 'éxito' ten a mesma raíz que a palabra inglesa 'exit', que significa saída", polo tanto, o éxito era a estrea". Deste xeito, Quico Cadaval deséxalle á Mostra "bo éxito e boa continuidade".

 

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.