• Inicio

II Encontro de Teatro e Educación en Cangas

  • Clara Castilla

O mércores 15 de xullo, celebrouse o II Encontro de Teatro e Educación , unha iniciativa da Mostra de Teatro Cómico –Festivo de Cangas que aposta por  promover un diálogo entre axentes pedagóxicos e  teatrais co fin de facer unha posta en común ao redor da realidade e práctica  da expresión dramática. Este ano o diálogo estivo centrado na Educación Infantil e na Educación Primaria, contando coa participación de mestres e mestras de ambas etapas.

Partindo dunha análise da realidade escolar actual , puxéronse sobre a mesa aspectos como: a  necesidade dunha abordaxe transversal  da dramatización; a recuperación dos xogos tradicionais como recursos motivadores e lúdicos  para o xogo dramático; a defensa dun enfoque global fronte  á  especialización nas primeiras etapas do ensino;  a necesidade de superar as limitacións do currículo elaborando  propostas para a práctica da dramatización nun novo marco pedagóxico que recoñeza  a importancia do proceso  de creación das crianzas fronte á procura dun resultado espectacular alleo aos seus intereses e motivacións.

Non faltou o debate ao redor da formación do profesorado , cunha crítica ás carencias  a nivel  da formación académica  e coa defensa da formación permanente do profesorado nos propios centros escolares.

 

O encontro, alén de abrir as portas a moitas reflexións, deixou patente a preocupación por   levar o debate ao ámbito escolar cara o recoñecemento da importancia da expresión dramática na Educación Infantil e Primaria como instrumento pedagóxico  cara unha educación integral.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.