• Inicio

Forte apoio do tecido cultural e social para que o Auditorio Municipal de Cangas leve o nome de Xosé Manuel Pazos Varela

  • Clara Castilla

Unha representación de asociacións culturais e educativas de toda Galicia presentaron no Rexistro do Concello de Cangas a iniciativa impulsada pola Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) para que o auditorio municipal cangués pase a chamarse Auditorio Municipal de Cangas “Xosé Manuel Pazos Varela”, en lembranza e homenaxe ao compromiso coa cultura e o esforzo realizado polo recentemente falecido alcalde de Cangas para que esta infraestrutura, esencial para o desenvolvemento da vila, fose unha realidade.

Desde a organización da MITCFC agradecen o grande apoio recibido por parte das asociacións e entidades culturais, sociais e do eido da educación que non dubidaron en sumarse a esta petición. “Desde o principio vimos arroupada a nosa reivindicación para que Cangas nunca esqueza a importancia de Xosé Manuel Pazos Varela en favor do mundo da cultura no desempeño de todos os cargos que ocupou”, desde a política municipal e tamén como deputado autonómico.

Os colectivos que asinan a iniciativa para que o Auditorio, inaugurado a finais de 2001, leve o nome do alcalde, falecido o 25 de xaneiro deste ano, son: a Academia Galega de Teatro, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Arca de Vilanova, a Asociación Cultural ‘A Cepa’, a Asociación Cultural ‘A Pipa’, a Asociación Cultural ‘Belas Artes’ de Cangas, a Asociación Cultural ‘Charaviscas’, a Asociación Cultural ‘Entrebambalinas- Revista Galega de Teatro’, a Asociación Cultural Folclórica ‘Tromentelo’, a Asociación Cultural ‘Lembranzas da Ría’, a Asociación Cultural ‘Peis D’hos’, a Asociación Cultural ‘Xiria’, a Asociación Coral ‘Lestonnac’, a Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama e Xinecolóxico – (Adicam), a Asociación ‘Doa’ de Saúde Mental, a Asociación Galega de Dramaturxia (Dramaturga), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Juan XXIII, A Asociación Mulleres de Moaña, a Asociación Nais e Pais do Conservatorio e da Escola de Música de Cangas, a Asociación Pais e Nais de Persoas con Discapacidade do Morrazo (Aspansim), a Asociación Xubilados Santiago, a Fundación Casa Museo “A Mangallona’, o Grupo de Danzas Pais de San Roque, o grupo de investigación lingüística e de literaria galega ‘Illa’ da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña e Teatro de Ningures.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.