Demo

Premio Mulleres en Acción 2020

PREMIO MULLERES EN ACCIÓN 2020 A MERCEDES OLIVEIRA MALVAR (Chis)

En recoñecemento ao seu extraordinario e pioneiro labor pedagóxico desenvolvido con adolescentes no eido da educación sexual e desde a perspectiva de xénero. 

Polo seu compromiso e discurso para axudar a “desaprender” a mala educación sexual recibida desde o berce. Un labor, ao noso entender, imprescindible que serve de guía e proporciona ferramentas pedagóxicas para, na adolescencia, poder rachar cunha educación afectivo sexual, patriarcal e casposa, que lles impide crecer como persoas libres do amor romántico e dunha imaxe hiper sexualizada e esteriotipada de si mesmas/os.

Mercedes Oliveira Malvar, Chis, excelente comunicadora e impulsora de tantas innovadoras iniciativas pedagóxicas, é un referente indiscutible non só para as mulleres senón para o conxunto da cidadanía.

Mercedes Oliveira Malvar (Chis), é unha das principais referencias no campo da educación sexual con perspectiva de xénero. Profesora de Filosofía no Instituto Alexandre Bóveda de Vigo, Galicia, doutorouse na Universidade de Santiago de Compostela en 1997 coa tese "Educación afectivo-sexual na adolescencia. Epistemoloxía e didáctica dunha proposta". Esta investigación propón por primeira vez o que, o como e desde onde formular a educación sexual na adolescencia dun xeito sistemático, tarefa aínda pendente no sistema educativo. Actualmente coordina o comando Igualdade. 

Chis leva trinta anos aplicando na practica as teorías que formulou nesta investigación. Fíxoo cos seu alumnado de secundaria; en diferentes másteres en universidades de toda España; e na formación de profesorado e profesionais socio-sanitarios, a quén tamén imparte cursos.

O seu traballo, pioneiro e afastado dos estereotipos, foi recoñecido co Premio Irene do Ministerio de Educación en 2011. O premio, que normalmente se entrega ás propostas educativas de equipos, foi concedido nesta ocasión de xeito individual.

Membro fundadora de Enxergo de Didáctica da Filosofía (despois Nexos), grupo líder en Galicia na produción de libros de texto, materiais curriculares e formación do profesorado. Foi presidenta da ONG dos dereitos sexuais da Federación Estatal de Planificación Familiar entre 1998 e 2004. Por esta razón, Chis é sen dúbida unha das principais responsables dos avances que se produciron na forma de centrar a educación sentimental no sistema educativo.

Entre os seus libros publicados cabe destacar "Educación sentimental. Unha proposta para adolescentes"; "Eros: materiais para pensar o amor"; "Estás pola solución? Proposta de recursos didácticos para a abordaxe da violencia de xénero no ámbito sanitario” e "Datas e datos para lembrar ... en pe de igualdade e non esquecer ou resto do ano". 

A finais de 2018 publicou xunto a Amada Traba "Ám@me”. Pensar o amor non século XXI", libro que aborda temas de sexualidade e educación emocional con perspectiva de xénero. Máis tarde, en 2019, publicouse unha nova edición en castelán baixo o nome "Amarte. Pensar el amor en el siglo XXI” Escribe habitualmente en revistas especializadas e elabora materiais didácticos sobre Filosofía, Ética, Antropoloxía e Cidadanía