Demo

Premio Xiria ao Labor Teatral 2020

PREMIO XIRIA AO LABOR TEATRAL A QUICO CADAVAL 

A organización da XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas concede o Premio Xiria ao Labor Teatral 2020 ao autor, director, actor e narrador,  Quico Cadaval, pola súa inesgotable creatividade, da que destaca a súa arte, única e xenial, na narración oral, capaz de conxugar o  imaxinario colectivo galego co universal, cun dominio asombroso da lingua, tanto popular, culta como musical, transmitindo valores, cultura, espazos, historias e Historia, cunha narrativa, cuasi shakespeariana. 

QUICO CADAVAL, 1960 é de Ribeira.

Formouse no colexio Bayón e tamén recebeu as ostias pertinentes no colexio Galaxia.

Tentou montar Os Vellos de Castelao aos 14 anos,  con Manolo do Monte e Milagritos. Para logralo mercou na Sanyg, La construcción del personaje, atribuido a Constantin Stanislavski. Iso retirouno do teatro até os 19. Nesa altura foi seducido polas adocicadas palabras do Chino e de Lourido, e meteuse no teatro, como un sacerdocio. Tardou anos en detectar o que o oficio tiña tamén de prostitución. Na mesma altura, estudaba historia e arte na vetusta universidade compostelá, interesándose sobre todo polo visíbel e narrativo e aborrecendo o hermético e simbólico. Deixou provisionalmente eses estudos até a actualidade. 

Foi empurrado para a dramaturxia polo mestre Xoán Cejudo, e por outros, que desconfiaban do seu talento actoral. 

Nos anos noventa descobreu que a sua doenza de falar era un oficio e reinventouse como narrador, descobreu o territorio libertario da Nasa e a Galán, acompañou o esplendor de Mofa e Befa e As Marías, formou parte dunha xeración que asombrou o mundo dos contos, como  Candi e Paula, por citar só algúns, fundou a Internacional Melancólica con Colón, e fixo radio con Cea e Buceta, con Xurxo e Belén, co asombro de facer algo que non sabías que podías facer. Pensou que na lusofonía estaba o futuro, e descobreu que tamén estaba o pasado (Para cando o 17 de maio para Miguel Torga?) 

Despois veu o terceiro milenio e non pasou nada do que estaba previsto. Desde aquela pasaron 20 anos, subironse uns cantos outeiros e atrás non habia nada novo, Fraga perdeu unhas eleccións, ter telefone celular converteuse en indicio de pobreza ou marxinación social, a poesía recuperou o seu lugar central na sociedade, veu unha crise económica e as bandas saquearon as rúas fumegantes, a pesar de honestos esforzos continuamos en españa, o amor prodigouse cantidades inesperadas... Tudo parece estar disposto para a derrota, mais a mocidade que chegou é mais talentosa , mais fermosa e folla mellor do que o fixemos nós no noso tempo.