Mundo Escénico
- Procedencia: Galicia
- Imparte: Daniel Amós Rodríguez
- Tipo: Presentación
Mundo Escénico é unha plataforma dixital aberta que nace co fin de modernizar, democratizar e impulsar o sector das artes escénicas en Galicia. Esta plataforma ofrece á comunidade ferramentas e servizos de valor engadido no eido do teatro, a música, a danza e o folclore. Os obxectivos desta iniciativa son:
- Difundir información de grupos, compañías, bandas e dos seus espectáculos.
- Conectar os diferentes axentes das artes escénicas para facilitar a procura de sinerxias.
- Facilitar a programación aos xestores culturais fomentando a igualdade de oportunidades.
- Ofertar servizos profesionais e formacións específicos das artes escénicas.
- Recopilar información e recursos de interese no eido escénico.
Mundo escénico está dirixido principalmente a catro tipos de perfís de usuario:
- Os artistas, membros de grupos, compañías e bandas, que contan cun espazo específico e organizado onde divulgar o seu traballo e conectar co público e con outros artistas e profesionais.
- Os xestores e técnicos culturais, que dispoñen dun directorio con tódolos grupos e espectáculos en carteleira con valoracións da comunidade para poder deseñar de forma máis efectiva as súas axendas.
- Os profesionais do sector (directores/as, coreógrafos/as, escenógrafos/as, actores, actrices, bailaríns, técnicos/as, fotógrafos/as…), que teñen acceso a un canal específico para ofrecer os seus servizos vinculados as artes escénicas.
- Os espectadores, que buscan unha axenda completa e actualizada de espectáculos con valoracións da comunidade e tamén seguir a actividade dos seus grupos favoritos.