Galicia contará co primeiro estudo sociolóxico de España sobre situación laboral das mulleres do cine e do teatro
A Xunta de Galicia elaborará o primeiro estudo sociolóxico, con perspectiva de xénero, para coñecer de primera man a situación laboral das mulleres nas artes escénicas e audiovisuais. Trátase dun acordo pioneiro a nivel estatal que se fraguou na edición de Mulleres en Acción de 2015. As posta en marcha deste estudo, que contára coa implicación de Agadic, a Secretaría Xeral de Igualdade, a Secretaría Xeral de Cultura e o Consello da Cultura Galega, é produto do traballo e da colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega e a Mostra de Cangas con Igualdade ao longo do último ano. O acordo foi anunciado pola secretaria xeral de Igualdade do goberno galego, Susana López Abella, que participou o pasado sábado nunhas das mesas de debate dentro das xornadas Mullleres en Acción da MITCFC.
A iniciativa estívose madurando durante todo un ano e non sería posible sen a implicación dos diversos departamentos da administración pública e das principais asociacións profesionais do sector. A elaboración do estudo deuse a coñecer pasadas as cinco da tarde do sábado 9 de xullo, último día da Mostra. Na xornada participaban, ademais da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; María Armesto, directora artística da Mostra de Cangas; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; Tamara Canosa, vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual; e Laura Míguez, vogal da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. “Parécenos un primeiro paso enorme e imprescindible para poder corrixir desequilibrios. Estamos certas nesta Comisión de Igualdade [formada por Escena Galega, a AAAG, a Mostra de Teatro de Cangas e Academia Galega do Audiovisual] que estamos diante dun deber para todas, dunha prioridade para todas”, sinalou na súa intervención Laura Míguez.
Susana López Abella recoñeceu que as artes escénicas e audiovisuais constituían un “ámbito abandonado” até agora pola Secretaría Xeral de Igualdade. Por iso, “as asociacións e a administración puxémonos a traballar neste proxecto dende o ano pasado, precisamente dende que participamos todas nun encontro das Xornadas Mulleres en Acción da edición anterior”. A representante do Goberno autonómico afirmo que este estudo “servirá de diagnose da situación laboral da muller no ámbito da cultura e significará un primeiro paso para buscar o equilibrio”.
Belén Pichel, na súa intervención, celebrou a noticia e insistiu en que as “asociacións profesionais deben traballar xuntas para a igualdade, o labor conxunto é imprescindible”. Ademais, a presidenta de Escena Galega pediu “maior implicación nos centros de produción no ámbito artístico” e tamén “por parte dos festivais”, xa que se atopan “grandes descompensacións de xénero”.
Finalmente, Tamara Canosa reflexionou sobre a importancia desta iniciativa, xa que até que saian os seus resultados, o sector carecerá de “datos cuantitativos” sobre a situación laboral das mulleres nas artes escénicas e audiovisuais. “Neste noso ámbito non nos damos por aludidas, pensamos que non hai machismos; mais se cadra debemos decatarnos de que non estamos na vangarda da igualdade, senón que ás veces nos situamos no polo contrario”, reflexionou Canosa, concluíndo ao subilñar a importancia do sector como creador de imaxinario social.
A boa nova da elaboración deste estudo foi só o comezo dunha tarde chea de reflexións sobre a muller e a cultura. As Xornadas Muller en Acción tamén contou coa presenza de Iolanda Tortajada, profesora na Universitat Rovira i Virgili, en Tarragona, e vicepresidenta da Mesa pola Diversidade no Audiovisual do Consello do Audiovisual de Cataluña. A súa exposición baseouse na transformación dos parámetros de representación das mulleres ao longo dos anos e fixo especial fincapé no rol de autopresentación de mozas e mozos nas redes sociais. “Os rapaces seguen mostrando o seu atractivo coa forza, e as mulleres, coa beleza. Eles ensinan o seu torso espido e musculado; elas, o seu atractivo sexual”, explica.
Cristina Rodríguez, actriz, xestora de Xénero e profesora na Universitat de Lleida, comezou a súa exposición afirmando que a Lei de Igualdade, que xa cumpriu unha década, non se está cumprir. Centrou a súa exposición no ámbito universitario dicindo que seguen a repetirse o gráfico da ‘tesoira’: “As mulleres son máis numerosas na base, pero a medida que se ascende, van desaparecendo”. No teatro, reprodúcese este esquema. “Son moitas máis as alumnas das escolas de arte, pero iso non se reflicte na industria cultural”. Por iso, avogou por loitar pola igualdade de xéneros en todos os ámbitos, tamén nas artes escénicas. “Os cambios culturais son longos, por iso hai que intervir e deseñar accións para mudar as cousas”, dixo.
Berta Ojea, actriz e secretaria de Igualdade da Unión de Actores, presentou o proxecto ‘Nora’, nome sacado da obra de Ibsen ‘Casa de Muñecas’, escrito en 1879, na que figuraba, por primeira vez na dramaturxia mundial, un personaxe feminino que fuxe do seu destino de imposición masculina para atoparse a si mesma. Berta Ojea facilitou algúns datos sobre a presenza das mulleres no ámbito cultura e onde case non se produciron melloras desde o ano 2013. “Os datos na cultura son vergonzosos”, afirma. Por iso, considera necesario esixir legislación específica que garanta a igualdade salarial como primeiro paso para conseguir a igualdade efectiva. E aínda que os datos que ofreceu eran cenrados en España, Berta Ojea dixo que a desigualldade “non é só un problema do noso país, senón do mundo”. “A cultura debe ser o gran motor de transformación social porque conta o que somos e non o que facemos”, asegurou, engadindo que, “o traballo político é sinxelo. O labor máis duro está na industria cultural porque hai que ‘abrir cabezas’”.
As xornadas da tarde remataron coa proxección do proceso de documentación e creación da longametraxe documental ‘Chicas nuevas 24 horas’, da actriz, guionista productora e directora Mabel Lozano, que recibiu o premio Mulleres en Acción polo seu labor artístico e documental ao servizo da denuncia da trata de mulleres vítimas da explotación sexual.
Mabel Lozano explicou que ela chegara tarde ao cine “porque na miña infancia, nunha pequena vila de Toledo, non había referentes de mulleres directoras de cine”, e por iso destacou a gran importancia de visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos para que poidan servir de exemplo e espello. A súa traxectoria cinematográfica está sempre centrada na igualdade de xénero e na denuncia social. “Este é o cine que quero facer porque o cine é unha ferramenta de transformación, que te quita do círculo de confort e te enfronta á realidade. Serve para denunciar, sensibilizar e previr”. Segundo Mabel Lozano, no camiño da igualdade son necesarias “leis, cultura e moita educación”.
‘Chicas nuevas 24 horas, nominada os Premios Goya deste ano, fala do negocio da compra-venda de mulleres e nenas, mostrando paso a paso como montar un negocio que move 32 mil millóns de dólares ao ano. Lozano asegura que, despois de percorrer varios países do mundo, percatouse de que as vítimas dos delictos case sempre “teñen rostro de muller”.