Crease o Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual de Galicia
O Observatorio quedou constituído por dez asociacións que representan ao conxunto das actividades das artes escénicas e do audiovisual de Galicia.
23 de novembro de 2016
Despois de que algunhas asociacións profesionais traballasen durante un tempo e de forma conxunta e continuada en accións e proxectos para o fomento da igualdade nas artes escénicas e no audiovisual, reparouse na necesidade de unir a voz de todas as demais organizacións profesionais de Galicia, co obxectivo de elevar a súa capacidade de influencia sobre a sangrante fenda laboral que sofren as profesionais nestes sectores.
Deste xeito, e conscientes de que a cultura é un sector estratéxico para o desenvolvemento das políticas de igualdade, grazas á súa capacidade de transformación do imaxinario colectivo da cidadanía, representantes das asociacións profesionais das artes escénicas e do audiovisual de Galicia (Asociación Galega de Produtoras Independentes, Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega - Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, Delegación de Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, Asociación Galega de Dramaturxia, Observatorio Galego do Audiovisual, Asociación Galega de Guionístas e Asociación de Festivais de Artes Escénicas de Galicia) decidiron poñerse a traballar en conxunto coa finalidade de artellar unha ferramenta operativa de traballo, centrada en accións e políticas de fomento da igualdade entre mulleres e homes nestes sectores.
Esa ferramenta constituíuse hoxe e é o Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual de Galicia.
Un día histórico
O feito de que dez asociacións e academias que aglutinan á práctica totalidade de ámbitos profesionais do sector das artes escénicas e do audiovisual se teñan unido para crear e formar parte do Observatorio de Igualdade, foi cualificado como “un feito histórico que non ten parangón a nivel estatal”.
Os representantes destas asociación considérano un “proxecto pioneiro” que xa está espertando curiosidade e interese noutras comunidades
Obxectivos
O Observatorio nace con tres obxectivos fundacionais ben definidos:
- Implicar activamente ás entidades profesionais das artes escénicas e do audiovisual na implementación de estratexias de igualdade e de cumprimento da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e do Decreto Lexislativo 2/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.
- Analizar e avaliar a situación sociolaboral das mulleres nos sectores das artes escénicas e do audiovisual e do marco normativo vixente.
- Fomentar a igualdade mediante a formulación de propostas concretas dirixidas a entidades públicas e privadas.
Mudar a imaxe das mulleres no cine, teatro, TV e medios de comunicación
As mulleres e homes que forman parte das diversas asociacións das artes escénicas e do audiovisual, fundadoras do Observatorio, consideran que estes ámbitos profesionais constitúen un espazo vital para construír unha sociedade igualitaria.
Por esta razón, sosteñen que a cultura pode ser a perfecta aliada para mudar a imaxe que se ofrece das mulleres no cine, televisión, teatro e medios de comunicación –contidos, ficción, publicidade, etc.- nos que, aínda hoxe, se perpetúan modelos femininos sexistas e estereotipados que non reflicten a realidade das mulleres do século XXI.
Desigualdade de oportunidades
Ao mesmo tempo, estímase moi importante visibilizar e mellorar a situación das traballadoras das artes escénicas e do audiovisual, onde a desigualdade de oportunidades á hora de acceder a postos de responsabilidade non favorece a construción dunha cultura igualitaria que reflicta os diferentes puntos de vista.
Fronte á sensación xeral de que o audiovisual e as artes escénicas deben ir un paso por diante da sociedade constátase que, lamentablemente, no que atinxe á vida laboral das mulleres non é así.
Exemplos que fixeron saltar a voz de alarma
Algúns dos datos recompilados polo Observatorio e que fixeron saltar a voz de alarma foron que, por exemplo, en toda a historia dos premios da Academia do Audiovisual só unha muller levou o premio á mellor dirección, (e non é porque non existan), só 2 das últimas 14 longametraxes estreadas en Galicia foron dirixidas por mulleres, ningunha muller iluminou nunca ningún espectáculo do Centro Dramático Galego, só o 8% de todos os espectáculos producidos polo CDG foi dirixido por mulleres, e só o 4% correspondían a textos escritos por mulleres, das 22 edicións dos premios Álvaro Cunqueiro só unha muller recolleu ese galardón.
Como subliñou hoxe unha das portavoces do Observatorio, a actriz Tamara Canosa, “en xeral a vida laboral das mulleres dedicadas a estes sectores é máis curta, ten unha maior precariedade laboral e teñen moita menos visibilidade e recoñecemento que as dos seus compañeiros masculinos”.
Fronte a esta situación considerouse que o máis oportuno era contar cunha única voz autorizada que aglutinase as inquedanzas do conxunto da profesión, que procurase solucións aos problemas detectados e velase pola igualdade. Esa voz autorizada será a partir de agora o Observatorio de Igualdade das Artes Escénicas e do Audiovisual de Galicia.