Andrés Lima: "Os galegos teñen unhas condicións marabillosas para a interpretación"
A presenza de Andrés Lima na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas é sempre motivo de orgullo. Por segundo ano consecutivo, este prolífico actor, autor e director teatral aceptou a invitación da MITCFC para impartir un taller de interpretación actoral, baixo o lema ‘Interpretar con la cualidad’. Leva máis dunha década facéndoo por varias cidades e a xente do mundo do teatro xa coñece o gran valor das súas ensinazas.
Andrés Lima baséase nos seus cursos na ‘cualidade’. Pero, que é a cualidade? Segundo el mesmo explica, trátase dunha ferramenta que aprende a actuar, dirixir ou crear un espectáculo. “É o resultado entre o esencial do texto proposto e o persoal de cada intérprete”, engade.
Sobre que buscan os alumnos que asisten os seus talleres, Lima pensa que tratan de atoparse a si mesmos. “Están na procura de ferramentas para despois facer mellor o seu traballo”. Buscan unha nova maneira de encarar o feito artístico traballando o texto coa maior honestidade e compromiso posible.
O director da compañía Animalario afirma que Galicia “e o pobo Celta” teñen condicións marabillosas para a interpretación. E faino con bastante coñecemento porque, como el resulta con orgullo, ten orixes galegas e na nosa terra se sente coma na casa. “O galego é un pobo melancólico –que se une co drama-, con gran sentido do humor –ideal para a comedia- e con moita maxia”. Andrés Lima tamén resalta o carácter “tolo” da xente galega, que permite “que se poida acometer calquera aventura”.
Entre os últimos traballos que fixo Andrés Lima atópase a dirección de obras teatrais tan importantes como ‘Las brujas de Salem’ ou ‘El Jurado’, as dúas neste ano 2016. Enumerar todo o anterior daría case para un libro. Para el o teatro é a súa vida e debería servir para transmitir unha cousa moi básica pero esencial: Liberdade.
Lima destaca a gran importancia que ten o teatro en toda Europa, sendo Alemaña e Francia os “reis”, sobre todo debido ás grandes axudas que ten a cultura pública, “que permiten levar os espectáculos ata os últimos recunchos do país”. Andrés Lima pensa que en España corren moi bos tempos para o teatro. Dende o movemento do 15M, estanse movendo moitas cousas. “Iso signifca que pasa algo e que a xente se move. E a xente é o público”, explica. Lima defende que exista un maior intercambio de cultura entre países. Que o teatro axude a crear movementos socioculturais.
Andrés Lima é un gran defensor do teatro público e cre que en España deberíamos ter un tecido cultural “tremendo” para poder chegar a todas partes. Considera que temos que incidir nas institucións para que o teatro non sexa só un escaparate senón que chegue a todos mundo e que sexa motivo de orgullo. “Un estado democrático debería potenciar a súa cultura porque é o que nutre os seus cidadáns” afirma.“Fagamos que os nosos políticos entendan máis de teatro”.
Nos últimos anos, semella que existe un repuntamento de xente moza que acude ao teatro. Lima cre que isto ocorre porque o que busca este público é pasalo ben e que os espectáculos sexan bos “Os teatros estanse enchendo porque hai avidez de boa cultura. De cultura de calidade”. O actor, director e creador teatral considera que o teatro ten unha importante función de aprendizaxe e compromiso social. “Moitas veces, para falar da Transición española fai falta ‘El Rey’”, en relación á obra da compañía El Barrio, que dirixe Alberto Sanjuán e que se puido ver na XXXIII edición da MITCFC . “O reflexo desta época que aparece nos libros de texto é penoso e non responde á realidade”, afirma.
Andrés Lima é moi optimista sobre o futuro: “O teatro está vivo e atopará un montón de sitios onde reflectirse”. Ademais das interpretacións máis clásicas, existen novas fórmulas tetarais como as performances, o teatro documental ou a videocreación. Longa vida ao teatro!