'Lullaby': A revolución portuguesa do universo clown
Unha vez máis, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas trae os espectáculo máis vangardistas do panorama artístico mundial. Lullaby é un espectáculo dinámico, que conta coa participación directa do público. Unha revolución dentro do universo do clown en Portugal. Unha performance cómica e provocadora que abre o xogo entre un pallaso transgresor e o espectador. Nesta aventura, partimos todos na procura do riso, da complicidade e da emoción, embarcando nun ambiente poético, alimentado pola música en vivo, rumbo a un mundo de xogo.
Rui Paixão formouse en teatro na Academia Contemporánea do Espectáculo de Porto, rematando o curso en 2014. Despois dun ano de experiencia profesional, desenvolve un traballo de investigación e exploración do clown contemporáneo. Aos vinte anos foi considerado artista revelación nas artes de rúa no IMAGINARIUS de Santa María da Feira, Portugal e gañou o premio OFF CIRCADA en Sevilla como artista emerxente do circo contemporáneo. Participou nun dos maiores festivais do mundo, Fringe Festival de Edimburgo e, máis recentemente foi elixido polo Cirque du Soleil para novas creacións.