CRÍTICA TEATRAL: 'El rey'-Manuel Xestoso
AS CERTEZAS E AS SOSPEITAS
O máis complicado é sempre crear un relato alternativo. Son tantas as voces que, durante máis de trinta anos, repetiron sen cesar que a Transición española foi un proceso exemplar que establecer outra versión é pouco menos que imposible. Non importa que saibamos que as 500 familias máis poderosas do franquismo seguen a ser as que manexan os fíos do poder; dá igual que intuamos unha confabulación escura e nunca aclarada no intento de golpe de Estado do 23 de febreiro; resulta accesorio que as relacións da monarquía con réximes tiránicos, pero opulentos en petróleo, levanten todas as suspicacias. Sabendo todo iso e moito máis, rebater a verdade oficial preséntase como unha tarefa ciclópea. Os voceiros do réxime seguirán porfiando nas súas teses, e posúen moitos medios para espallalas por todas as conciencias.
E non obstante, non é cuestión de desistir. Teatro del Barrio persevera na tentativa non de establecer unha nova verdade, senón de xuntar todos os datos que recomendan revisar as nosas supostas conviccións para que o espectador se faga preguntas. Hai indicios de sobra para dubidar do que nos contaron. Hai motivos para conxecturar que aquel presunto “proceso exemplar” non foi máis que unha operación de acomodo dos favorecidos polo franquismo a unha nova conxuntura histórica. E temos a certeza de que existe unha elite económica que, ocorra o que ocorra, nunca perde os seus privilexios.
A clave de parodia na que se move El Rey non cae na caricatura gratuíta: non no necesita. O protagonista é unha figura en decadencia ao que mesmo se lle veta a asistencia á coroación do seu fillo e sucesor. As certezas históricas e as sospeitas máis ou menos coñecidas van desfilando nunha especie de flashback onírico no que as sombras do pasado preséntanlle ao monarca envoltas nunha atmosfera que pode lembrar o cine negro ou o terror gótico. Depende de se falamos dos GAL ou da execución no garrote vil de Salvador Puig Antich.
A compañía fíao todo ao traballo actoral e a unha iluminación que nos suxire que as sombras que rodean á figura de Juan Carlos I son demasiadas, que deberiamos volver a avaliar o papel que tivo no desenvolvemento histórico das últimas décadas. A conxura desas clases podentes pode ser só unha teoría da conspiración; pero atemos cabos, vexamos cales son os apelidos que van debuxando a Historia e observemos cal foi o lugar que ocupou aquel principiño que Franco escolleu como legatario nesa corte dos milagres que, a nada que rañemos, aparece ateigada de corrupción e podremia.
Os actores son excelentes e a eles débese a verosimilitude con que se nos presentan os distintos episodios da vida do rei. Uns feitos que enchen o escenario e que transmiten unha emoción ambigua. Rímonos duns monicreques que actúan nun esperpento ridículo (Valle non anda lonxe do rexistro dramático escollido pola compañía). Pero, ao tempo, intuímos unha farsa cruel que xerou un sufrimento gratuíto do que só saíron beneficiados uns poucos.
O público estivo entregado dende o principio, riu sen descanso e aplaudiu recoñecendo os valores que se reivindicaban dende o escenario. Non debía ser unha mostra representativa dos que votaron o 26 de xuño.
El Rey de Alberto San Juan. Dirección: Alberto San Juan. Elenco: Luís Bermejo, Guillermo Toledo e Javier Gutiérrez.