Cinco estreas absolutas na programación da 34 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Entre o 30 de xuño e o 8 de xullo, Cangas volverá ser escenario do mellor teatro cómico e festivo do país. Serán 9 días nos que a vila morracense acollerá os mellores espectáculos teatrais do panorama nacional e internacional. A 34 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas arrancará o venres 30 de xuño coa estrea absoluta da obra ‘Nacidas libres’, unha coprodución da compañía de teatro galego Contraproducións coa Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Esta obra conta a historia de catro actrices que, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza.
O 1 de xullo, tamén no Auditorio, representarase outra estrea absoluta: ‘Río Bravo’, de Chévere, que este ano celebra o seu 30 aniversario. A compañía galega agasalla así ao seu público cunha revisitada versión dunha das súas máis míticas postas en escena. ‘La Extinta Poética’, das compañías Nueve de Nueve e La Zaranda, é outra das obras que estará na MITCF de Cangas. Trátase da estrea en Galicia dun espectáculo multidisciplinar estreada en setembro de 2016. Poderá verse o domingo 2 de xullo.
'A Galiña azul' de Tanxarina Títeres será outra das estreas absolutas na Mostra 2017. No ano no que a celebración das Letras Galegas ten como protagonista a Carlos Casares, Tanxarina trae a Cangas a recreación dunha das obras emblemáticas do autor. Baixo adaptación e supervisión escénica de Cándido Pazó, 'A Galiña azul' é un espectáculo que fala da diversidade e da solidariedade; destinado a un público infantil e familiar e no que Tanxarina Títeres fai un sobranceiro exercicio actoral e de técnica de manipulación de bonecos. Poderá verse no Auditorio de Cangas o 5 de xullo.
Tamén a compañía francesa Teâtré du Mouvement estrea en Galicia, o xoves 6 de xullo, ‘Encore une heure si courte’, teatralidade do movemento e do xesto para contar a historia de tres seres que exploran unha contorna vital descoñecida e hostil. A figura de Emilia Pardo Bazán será o venres 7 de xullo a protagonista absoluta da Mostra coa estrea en Galicia de ‘Emilia’, do Teatro del Barrio. A historia dunha muller que, nas postremeiras do século XIX, empéñase en ser ela mesma.
A Mostra pechará o programa de sala o sábado 8 de xullo coa estrea para o público galego de ‘La sección’. Os valencianos de ‘A tiro hecho’ traen á MITCF as figuras de Pilar Primo de Rivera, Mercedes Sanz-Bachiller e Carmen Polo (de Franco), e a evolución histórica da Sección Femenina, tan determinante no devir das vidas de miles de mulleres marcadas por imposicións educativas, políticas, relixiosas e de xénero.
PROGRAMACIÓN DE RÚA
Ademais do teatro no Auditorio, a rúa será protagonista da Mostra. Un total de 7 obras, repartidas durante os 9 días do evento, amenizarán diferentes espazos ao aire libre da vila canguesa. Destacar as estreas en Galicia de ‘Equilibrando ilusiones’, da compañía andaluza Circovito; e ‘Las polis’, do dúo clown castelá manchego do mesmo nome. Este ano a Mostra engade un novo espazo para o goce do teatro. Na Capela do Hospital, representaranse 5 espectáculos, entre os que destaca, como estrea absoluta, ‘Agares que buligan gozando ao sol dunha habaneira que non é’, unha coprodución do grupo galego Inherente Teatro coa Mostra Internacional de Cangas.
MULLERES EN ACCIÓN
A MITCF vense significando, desde o ano 2000, coas súas xornadas de Mulleres en Acción, polo convencemento de que as artes vivas e a cultura son aliadas imprescindibles para combater a desigualdade de xénero. Na Mostra 34, Mulleres en Acción incluirá a presentación do Observatorio nas Artes Escénicas e no Audiovisual e a xornada ‘Cine Comercial en España: 2010-2015, onde están as mulleres?’, a cargo de Asunción Bernárdez Rodal. Tamén se proxectará o documental de Miguel Piñeiro ‘A palabra xusta’ no que se narra a vida da mestra Antía Cal, unha pedagoga adiantada ao seu tempo que perseguiu sempre a excelencia no seu traballo. Unha valente loitadora polos dereitos da muller e fundadora da escola Rosalía de Castro en Vigo. Será precisamente Antía Cal, veciña dende hai anos do Morrazo, a protagonista do peche das xornadas, cando o 8 de xullo reciba o Premio Mulleres en Acción desta 34 edición. Un feixe de actividades paralelas e o Taller de Interpretación para profesionais impartido por Víctor Duplá completan o intenso programa de actividades da MITCF.
ABONOS
O vindeiro luns 15 de maio estarán á venda os abonos para asistir a todas as obras programadas no Auditorio Municipal de Cangas. Por 45 euros, calquera persoa pode reservar unha butaca propia para ver todos os espectáculos de primeirísimo nivel da Mostra. Os abonos poderán mercarse ata o día 18 de xuño. Hai un desconto de 8€ con respecto ao prezo individual. Outra das vantaxes do abono é evitar as colas na billeteira. A partir do martes 20 de xuño, estarán dispoñibles as entradas individuais para calquera dos espectáculos. Nos abonos e entradas mercados a través de internet non haberá ningún custe adicional de tramitación.