Obradoiro de interpretación para profesionais de Víctor Duplá
O luns 3 de xullo dará comezo na Casa da Cultura de Cangas un curso de interpretación para profesionais impartido por Víctor Duplá, actor profesional e director de teatro de orixe cántabro. O obradoiro, que terá unha duración de 30 horas lectivas, finalizará o sábado 8 de xullo. O horario será de 10 a 15 horas. Os profesionais que queiran asistir poderán inscribirse a partir das 16.00h do xoves 1 de xuño ata as 24.00h do venres 16 de xuño. Para facer efectiva a inscrición é imprescindible enviar o formulario de inscrición debidamente cuberto xunto ao currículo teatral actualizado coas producións profesionais nas que se estivo contratada/o, ao correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.. Pódese consultar toda a información deste evento e descargar o formulario entrando na nosa web.
O taller está dirixido a actrices e actores profesionais, en calidade de 'Activos' (16 prazas) e tamén a directores/as e autores/as profesionais, en calidade de 'Oíntes' (10 prazas) que, nesta ocasión, participarán de forma activa na primeira hora do taller. A organización fará pública a lista das persoas seleccionadas a partir das 15.00 horas do martes 20 de xuño. Publicarase, tamén, a lista por orde de inscrición de todas as persoas aspirantes ás prazas. De producirse baixas ou anulacións de reserva, correrá a lista de espera.
A selección realizarase seguindo varios criterios, como o currículo teatral profesional, a orde de inscrición, a paridade entre homes e mulleres e a franxa de idades (18 a 35 anos. 35 a 50 anos. De 50 en adiante). A reserva da praza formalizarase mediante o ingreso do importe do taller (130€ alumnado activo e 40€ alumnado oínte) entre o martes 20 de xuño e o luns 26 de xuño, ambos incluídos, sendo imprescindible enviar copia do pago da matrícula ao correo electrónico da MITCF : Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..
O docente
Víctor Duplá formouse na Escola de Arte Dramática de Santander e na Escola Internacional do Actor Juan Carlos Corazza (1999-2004). Traballou como actor en teatro, cine e televisión. Foi dirixido por Juan Mayorga, Sergio Peris-Mencheta, José Martret, Jorge Coira e Carlos Saura, entre outros. Actualmente, compaxina o traballo de actor co de director, coach e profesor de interpretación. Entre as numerosas series de televisión nas que participou están Pazo de Familia (TVG), El Ministerio del Tiempo (TVE), La Embajada (Antena 3), Serramoura (TVG), Carlos V, Rey Emperador (TVE) e Hospital Real (TVG), entre outras.
Víctor Duplá afronta o obradoiro coa intención de axudar a descubrir aos participantes como é a estrutura mental dos personaxes que deben interpretar: Como pensan, como se relacionan coas súas emocións, co seu instinto, co intanxible ou espiritual, como se moven, cales son as súas virtudes e os seus defectos, as súas luces e sombras. Na medida na que os actores e actrices coñecen cal é a súa personalidade expresiva, condicionada pola idade, sexo, lugar de procedencia, educación, cultura e experiencia vital, poderán comprender e expresar outro comportamento diferente ao seu, xa que explorar e coñecer a propia personalidade expresiva axudará ao actor ou actriz a baleirarse de si mesmos e encherse doutros que non son eles mesmos e así estar ao servizo da historia que o autor quere contar. Duplá teno claro: O actor debe ser un instrumento libre e afinado que canaliza o personaxe para contar a historia.