'Interrupted', Premio do Público

O Premio do Público é un galardón que unicamente ten en conta a valoración e os votos en urna do público asistente ás distintas representacións que se desenvolveron no Auditorio de Cangas. Foron sete as obras que optaban a este galardón: 'Las Cervantas', da compañía ES&DD Arte; 'El Rey', de Teatro del Barrio; 'Las princesas del Pacífiico', de La Estampida; 'El cuello de la jirafa', de Materile Teatro; 'Tetê de Pioche', de Heyoka Théâtre; 'Interrupted', de Teatro en Vilo; e 'Eroski Paraíso', de Chévere Teatro. Despois de recontar todos os votos, a gañadora do Premio do Público da XXXIII edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, resultou 'Interrupted'. Recibiu 153 votos , 139 deles con 5 puntos, a máxima valoración.

A gran ovación final do público xa o presaxiaba. O representación o sábado 8 de 'Interrupted' foi un éxito abrumador. Catro mozas conseguiron facer rir, pensar e desfrutar cunha magnífica interpretación onde se mesturaban a música, o mimo e danza. Movementos sinuosos e calculados. Horas e horas de ensaio para coordinar as escenas. Un discurso fresco e actual. E un final, impactante.

'Interrupted' é unha divertida comedia sobre como unha vida perfecta pode converterse nun inferno do xeito máis inesperado.

Anabel é unha muller de éxito que vive subida á onda frenética do seu tempo. En 65 minutos o público foi testemuña de cómo, en só 6 días, Anabel ía perdendo progresivamente o control da súa vida ata nadar nun absoluto e absurdo caos.

A obra, da compañía Teatro En Vilo, está dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez. O elenco de actrices está formado, ademais de por elas dúas, por Ariana Cárdenas e Esther Ramos. As catro derrocharon frescura e xuventude.

Teatro en Vilo é unha compañía internacional fundada en Londres e afincada en Madrid. Funciona como colectivo itinerante realizando colaboracións internacionais entre creadores de escena, artistas e investigadores de todo o mundo. Combinan a improvisación e a coreografía co grotesco, o autobiográfico, o humor absurdo e comedia xestual. Foi compañía residente no Lavoir Moderne Parisien e conta co apoio do Arts Council e o British Council. Obtivo o premio Talent Madrid-Teatros del Canal ao Mellor Espectáculo e o premio á Mellor Compañía Emerxente no Mimetic Mimetic Festival de Londres.

Despois de varios minutos de aplausos, Noemí Rodríguez, actriz galega, quixo agradecer á organización da MITCFC que aposten por un teatro diferente e mostrouse feliz e orgullosa de demostrar que en Galicia tamén sabemos facer as cousas moi ben, sobre todo cando ao fronte está un grupo de mulleres tan talentosas coma elas.

REPORTAXE FOTOGRÁFICA: Noparan.com

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.