XXV MULLERES EN ACCIÓN
2025, UN ANO ESPECIAL
Hai 25 anos a Mostra Internacional de Teatro de Cangas impulsou o proxecto Mulleres en Acción para axudar a sacar das tebras a tantas e tantas mulleres que contribuíron, lúcida e sobradamente, ás artes, á cultura e ao desenvolvemento da nosa sociedade.
Hai 50 anos celebrouse o Ano Internacional da Muller e instaurouse o 8 de marzo de 1975 como Día Internacional da Muller. Así, a ONU, facíase eco do que viñan reclamando os movementos feministas e de mulleres dende os comezos do século XX (dereito ao voto, condicións de traballo dignas, igualdade entre os sexos, etc.) e recoñecía, de feito e de dereito, o principio de igualdade entre mulleres e homes.
Hai xa 30 anos da Declaración e Plataforma da Acción de Beijing. Plan que establece obxectivos e medidas estratéxicas para o progreso das mulleres e nenas en todo o mundo. Considerado o plan máis progresista da historia para promover os dereitos das mulleres.
Hai 63 anos a Real Academia Galega instaurou o Día das Letras Galegas para recoñecer ás persoas autoras dunha obra relevante en galego e que fosen merecedoras de ser propostas como exemplo para a sociedade galega. Pero o certo é que, en 62 anos, só SEIS mulleres “mereceron” tal distinción. Neste 2025, a RAG dedicará as Letras Galegas ás cantareiras, merecidísimo recoñecemento que se personifica en SETE mulleres.
Moitos anos antes de que existisen as actuais leis autonómicas e estatais de igualdade, Mulleres en Acción implantou a paridade na programación da MITCFC con espectáculos escritos, dirixidos, interpretados, iluminados ou coreografiados por mulleres. Este feito converteu á Mostra de Teatro de Cangas no primeiro e único festival de Europa en aplicar a paridade.
Celebraremos este 25 aniversario rendendo homenaxe ás pandeireteiras e cantareiras, esas mulleres imprescindibles ás que a RAG, felizmente, vai dedicar as Letras Galegas 2025.
Nós, coma sempre, seguimos programando en paridade, abríndo espazos para que as mulleres exhiban o seu traballo e debatan sobre os retos que este novo/vello mundo nos presenta, un mundo no que voces desafinadas semellan querer mergullarnos de volta nas tebras e fora da Historia.
Non o imos consentir, porque somos Mulleres en Acción, conscientes da nosa historia, dos agravios pero, tamén, da nosa aportación á cultura, á historia dos nosos países, á sociedade e, por riba de todo, conscientes de nós mesmas, feministas, ecoloxistas e radicalmente pacifistas.